Medio Rural marca 40 vacas sas dunha granxa para o seu sacrificio

O SLG denuncia a "absoluta indefensión" da granxa e require que se volvan facer as probas aos animais que deron negativo.
Protesta veciñal en Manzaneda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Protesta veciñal en Manzaneda. (Foto: Nós Diario)

Persoal veterinario da Consellaría do Medio Rural procedeu a marcar esta terza feira 40 vacas dunha granxa de Manzaneda (Terra de Trives) para o seu sacrificio por tuberculosa bovina. Esta acción foi paralizada a pasada semana pola protesta duns 200 gandeiros e gandeiras na aldea de Palleirós, en Manzaneda, convocados polo SLG, que denunciou a "absoluta indefensión" desta granxa e require que se volvan facer as probas aos animais que deron negativo.

Segundo denuncia o Sindicato Labrego Galego, despois de que algúns exemplares deran positivo en tuberculose na explotación, Medio Rural prevé sacrificar outras 40 vacas que "até o momento sempre deron negativo nos controis de tuberculose". Expón que este baleirado sanitario suporá perdas de 30.000 euros para a explotación e tardará máis de dous anos en comezar a producir. 

Por estes feitos, o SLG critica o conselleiro José González, que "segue desaparecido", asegura, e urxe unha xuntanza co seu departamento, así como á revisión do protocolo de actuación.

Comentarios