A mobilización impide a "marcaxe de 40 vacas sas" para o sacrificio ordenado pola Xunta

Os servizos veterinarios da Xunta adían a operación.
Concentración de profesionais da gandaría, esta sexta feira en Manzaneda (Foto: Nós Diario).
photo_camera Concentración de profesionais da gandaría, esta sexta feira en Manzaneda (Foto: Nós Diario).

Profesionais da gandaría concentráronse esta sexta feira na aldea de Palleirós, no municipio de Manzaneda (Terra de Trives), en defensa dunha granxa que deberá sacrificar as súas vacas por tuberculose bovina e para pedir apoio á Xunta da Galiza.

O Sindicato Labrego (SLG), que convocou esta mobilización, afirmou que despois de que algúns exemplares desen positivo en tuberculose na explotación gandeira, a Consellaría do Medio Rural prevé sacrificar outras 40 vacas sas.

As 200 persoas que alí se congregaron, segundo o SLG, conseguiron evitar "a marcaxe de 40 animais sans para o seu sacrificio". Deste modo, o servizo veterinario da Xunta adiou a operación até o 19 de marzo.

O sindicato pediu que se volvan facer as probas e que, no caso de que se confirmen que están sas, non sexan sacrificadas. Neste sentido, dixo, matar animais sans "contradí a lei estatal de benestar animal", polo que elevará a situación ás institucións da Unión Europea (UE).

Así mesmo, a organización solicitou que as indemnizacións por estas medidas de baleirado sanitario de explotacións permitan a reposición de todos os animais a prezos de mercado e que se cubra o lucro cesante. 

"Os 500 euros máximo por vaca que subvenciona a Xunta para repor cada vaca por sacrificio obrigatorio son claramente insuficientes no contexto actual, no que para comprar outro animal os prezos superan os 2.000 euros", sinalou o sindicato.

O SLG tamén requiriu que sexa revisada a catalogación da prevalencia cero de tuberculose bovina na Galiza, xa que asegurou que "están a aparecer positivos en diferentes granxas e os estudos científicos indican que está presente nos reservorios silvestres das poboacións de xabaril e corzo, entre outros".

Ademais, o sindicato reclamou que o control epidemiolóxico da Xunta se realice apoiándose nas campañas de saneamento "de eficacia demostrada ao longo destes anos" en lugar de "medidas efectistas como matar a todos os animais dunha granxa cando aparece un positivo".

Comentarios