18-F

Un país empobrecido: máis da metade da poboación galega non chega a fin de mes

As cifras fornecidas polos organismos públicos indican que máis da metade dos fogares galegos chegan con dificultade ou moita dificultade a fin de mes. A suba dos salarios e das pensións situouse por baixo do incremento dos prezos impulsando un proceso de empobrecemento.

Xente, rua
photo_camera 13% de familias galegas ingresan menos de 1.000 euros mensuais. (Foto: Arxina).

O Instituto Galego de Estatística (IGE), institución dependente do Goberno galego, sinala que en decembro de 2023, último mes con datos, 405.988 fogares, que representan 46,10% do total da Galiza e suman máis de 1,14 millóns de persoas, alcanzaron con dificultade fin de mes. Asemade, apunta que outros 106.836 fogares, que significan 9,93% do total galego e agrupan 264.953 persoas, chegaron con moita dificultade a fin de mes. A suma, supón 56% da poboación galega.

Perda de poder adquisitivo

A comparativa das cifras do último ano evidencia un deterioro nas condicións de vida daqueles sectores máis desfavorecidos. Así, en decembro de 2022 eran 67.243 fogares, que representaban 6,25% do conxunto da Galiza e sumaban unha poboación de arredor de 166.800 persoas, os que presentaban moitas dificultades en chegar a fin de mes. Neste sentido, a poboación nesta situación tense incrementado en 98.153 persoas e en 8.638 fogares, pasando a representar a porcentaxe máis elevada desde o ano 2018.

As dificultades para chegar a fin de mes déixanse notar no día a día. Segundo o IGE, en decembro de 2023, até 30,05% dos fogares galegos víronse obrigados a mudar os seus hábitos de compra, optando por marcas brancas ou produtos de menor prezo. Ao tempo, 20,61% das unidades familiares reduciron determinados gastos comúns, como roupa, calzado, gas ou electricidade. Por último, 5,14% dos fogares solicitaron axuda económica de amizades ou familiares para facer fronte ás súas necesidades máis inmediatas.

As urxencias das familias

Os diversos indicadores dan conta dos problemas dos fogares para atender as súas urxencias máis básicas. Así, por exemplo, o Banco de Alimentos de Vigo recoñece que reparte comida a máis de 20.000 persoas desa comarca e o Banco de Alimentos das Rías Altas, cuxo ámbito de actuación inclúe as áreas de Compostela, A Coruña e Ferrol atende arredor de 25.000 residentes. Na mesma liña, o Banco de Alimentos de Lugo presta servizo a máis de 1.700 familias.

As persoas con dificultades para chegar a fin de mes son na súa maioría asalariadas ou perceptoras de pensións públicas cuxas contías non cobren as necesidades básicas. A isto, ten contribuído de forma decidida a caída sostida e constante do poder adquisitivo desde 2009, acelerada nos últimos anos por unha escalada de prezos non acompañada dunha suba das súas retribucións. Sen ir máis lonxe, só en 2022 a baixada do poder de compra dos salarios situouse en 5,3%, malia rexistrar estes unha alza de 3,2%.

204.502 persoas ten salarios inferiores ao SMI

Os salarios na Galiza sitúanse moi por baixo da media do Estado. Segundo os datos ofrecidos pola da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT) para 2022, último ano con cifras, 88.558 asalariados e asalariadas declararon uns ingresos por baixo do salario mínimo profesional (SMI), que nese ano ficou en 1.000 euros brutos repartidos en 14 pagas. Ao tempo, outros 115.944 traballadores e traballadoras que cotizaban polo Réxime Espacial de Traballadores Autónomos (RETA) atopábanse na mesma situación.

O Instituto Galego de Estatística (IGE) apunta a que en 2022, até 140.013 fogares -que sumaban perto de 347.240 persoas e significaban 13,1% do total da Galiza- rexistraban uns ingresos inferiores a 1.001 euros ao mes. Así, 11.216 declaraban uns ingresos iguais ou inferiores a 400 euros ao mes, 27.995 entre 401 e 600 e 100.802 persoas entre 601 e 1.000 euros. Unha parte destas unidades de consumo están formadas por poboación pensionista, cuxas rendas continúan diverxendo coa media estatal, malia percibir as pensións máis baixas do Estado.

A contía da pensión media na Galiza sitúase en 1.025,47 euros ao mes, sendo inferior en 172,53 euros ao mes á do conxunto do Estado español. Neste sentido, a Rede Europea de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social na Galiza (EAPN-Galiza) confirmaba no seu último informe, presentado en outubro de 2023, que 364.814 galegas e galegos reciben unha pensión cun importe inferior ao mínimo considerado para non ser pobre (721 euros ao mes), 47,4% do total. Así, increméntase o número de persoas pobres neste grupo de idade en relación a anterior anualidade en 8.515.

As galegas son as pensións máis baixas do Estado

As cifras achegadas polo Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) confirman que os pensionistas e as pensionistas máis empobrecidas do Estado residen na Galiza. Segundo sinala o INSS, en decembro de 2023, 236.506 galegos e galegas que cotizan polo Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) ou polo antigo Réxime Espacial Agrario (REA) percibiron unhas xubilacións medias de 719,48 euros ao mes. Neste caso, colocáronse 105,36 euros ao mes por baixo do conxunto estatal e marcaron unha diferenza negativa de 55,4 euros ao mes coas estremeñas, que con 773,04 euros ocupan o penúltimo posto pola cola.

A taxa de pobreza incrementou en 6,4% para as persoas maiores de 65 anos, até o punto de incluír 20% deste colectivo. Neste sentido, desde a rede EAPN-Galiza apuntan a que "no caso das persoas maiores, tras analizar os datos, hai que destacar que o comportamento da taxa de pobreza é algo diferente".

A este respecto, EAPN-Galiza afirma que, "como se explicou en informes anteriores, os seus ingresos están fortemente determinados polo importe da pensión que reciben, que é relativamente constante e, por tanto, a súa taxa de pobreza específica é máis dependente das modificacións do limiar que dos seus propios ingresos".


182.951 persoas atópanse na pobreza extrema

Até 182.951 galegos e galegas atópanse en pobreza severa. Segundo EAPN-Galiza, nesta categoría inclúense aquelas persoas que viven en fogares cuxos ingresos por unidade de consumo son inferiores en 40% da media da renda estatal, unha cifra notabelmente inferior á empregada para definir o risco de pobreza e, por tanto, o indicador agrupa persoas que están nunha situación límite. Neste sentido, o limiar de renda utilizado no ano 2022 para considerar que un fogar está en pobreza severa é de 560 euros por unidade de consumo ao mes.

A pobreza severa representa o elo máis débil dunha sociedade e tamén o máis agochado. As persoas nesta situación viven moito peor que o conxunto da poboación, a súa principal dificultade é resolver a exixencia permanente de escoller, de facer unha  gradación entre necesidades indispensábeis, teñen maiores dificultades para facer fronte a calquera evento negativo e, se sucede, provócalles consecuencias máis graves e resúltalles moi difícil escapar por si mesmas desa situación.

Comentarios