O SMI chega a 1.134 euros pero non cumpre coa Carta Social Europea

O Salario Mínimo Interprofesional (SMI) alcanza os 1.134 euros mensuais en 14 pagas.
O texto da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, non prosperou. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O texto da ministra de Traballo, Yolanda Díaz, non prosperou. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A nova contía é resultado dun acordo entre o Ministerio de Traballo e as organizacións sindicais UXT e CCOO. A cantidade pactada está por baixo do recomendado pola lexislación comunitaria e recollido na Carta Social Europa.

A titular de Traballo, Yolanda Díaz, defendeu esta sexta feira a decisión do seu departamento de subir o SMI en perto de 5%. Neste sentido, apuntou que "parece pouca cousa, pero para a vida da xente é moi importante". Asemade, puxo en valor que a medida vai favorecer 127.000 persoas na Galiza, que verán "como mellora o seu poder adquisitivo porque o seu salario mínimo crece máis que a inflación".

Díaz apuntou que “pasamos de ter un salario mínimo que nos avergoñaba como país, que facía pobres as persoas que cobraban, a ter un salario digno, que sei que ten que seguir mellorando”. Nesta dirección, cargou contra “os agoreiros que dicían que subir o salario mínimo destruía emprego, que foron demasiados, mesmo dentro do Goberno, dígoo ás veces".

A suba do SMI aprobada polo Executivo do Estado está por baixo do disposto polo Comité Europeo de Dereitos Sociais. Nesta liña, o artigo 4.1 da Carta Social Europea estabelece que o SMI debe representar o 60% do salario medio, que no caso estatal sitúase arredor de 1.253 euros.

CIG

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciou esta sexta feira que “no Estado español estase incumprindo a Carta Social Europea ao non ser suficiente a contía que se está fixando de salario mínimo”.

Neste punto, lembrou que a organización vén reclamando "desde hai anos" que se aplique este criterio e por esta razón o pasado mes de outubro presentou unha reclamación colectiva ante o Comité Europeo de Dereitos Sociais.

O secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, lamentou que "o Goberno español, co aval de UXT e CCOO, siga sen cumprir coa CSE" e apuntou que o método de cálculo a empregar ten que ser o utilizado polo Comité Europeo de Dereitos Sociais. Ao tempo, criticou “a actitude do Ministerio, que continúa denegando os dereitos de participación institucional da CIG, pois na súa condición de sindicato máis representativo tamén debería ser chamado a participar nas consultas para determinar a suba do SMI”.

Comentarios