Luz verde ao Perte da transformación de produtos pesqueiros e acuícolas: estas serán as características das axudas

O plan porá en marcha unha liña de axudas ao sector transformador pesqueiro e acuícola por valor de 40 millóns de euros con cargo ao chamado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).
Traballadoras da conserveira Jealsa, en Boiro (Foto: Jealsa).
photo_camera Traballadoras da conserveira Jealsa, en Boiro (Foto: Jealsa).

O proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) do sector transformador pesqueiro e acuícola, unha industria de grande importancia para a economía da Galiza e o seu mercado laboral, será finalmente unha realidade tras o visto e prace da Comisión Europea.

En concreto, o Executivo da Unión Europea (UE) informou de que a posta en marcha deste plan é compatíbel co mercado interior, e por tanto autorizou ao Estado español o réxime de axudas ao sector da transformación de produtos da pesca e da acuicultura, que ficara previamente excluído da normativa comunitaria reguladora dos programas de recuperación.

Unha vez recibida a luz verde de Bruxelas, o Goberno español poderá pór en marcha unha liña de axudas ao sector transformador pesqueiro e acuícola por valor de 40 millóns de euros con cargo ao chamado Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

A Comisión Europea avala así a inclusión do sector nas axudas, o que favorecerá a transformación, a sostibilidade e a modernización dos procesos produtivos no seo da industria de transformación dos produtos pesqueiros e acuícolas.

Aberta a empresas de todos os tamaños

A medida estará aberta a empresas de todos os tamaños deste sector, sempre que estean legalmente estabelecidas e debidamente rexistradas no Estado español. O importe total da axuda, por empresa e ano, non poderá exceder de 2,5 millóns de euros e serán subvencionábeis os proxectos de apoio aos investimentos na transformación dos produtos da pesca e da acuicultura cunha intensidade máxima de achega de 50% do orzamento presentado.

Os proxectos deberán estar orientados ao aforro de enerxía ou á redución do impacto no medio ambiente, incluído o tratamento de residuos; a mellorar a seguridade, a hixiene, a saúde e as condicións de traballo, así como a apoiar a transformación das capturas de peixe que non poidan destinarse ao consumo humano.

Comentarios