VÍDEOS NO INTERIOR

A CIG recoñece a loita das traballadoras da conserva e do SAF

A CIG entregou esta sexta feira os premio cos que cada ano recoñece a loita da clase traballadora galega.
Paulo Carril, no centro, con traballadoras galardoadas esta sexta feira. (Foto: Arxina)
photo_camera Paulo Carril, no centro, con traballadoras galardoadas esta sexta feira. (Foto: Arxina)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) entregou esta sexta feira os seus premios 8 e 10 de marzo cos que cada ano busca darlle visibilidade ao valor da mobilización para o avance dos dereitos e a mellora das condicións de vida das traballadoras e dos traballadores da Galiza.

Neste ano 2023 a CIG outorgou o Premio 10 de Marzo ao persoal do sector conserveiro, "que coa súa determinación logrou trasladar por vez primeira as negociacións do convenio á Galiza". As traballadoras e os traballadores das conserveiras foron quen de "forzar" a patronal a asinar un acordo que a CIG considera histórico: "recolle importantes melloras laborais, garante o poder adquisitivo e avanza na eliminación da fenda salarial", apunta a central sindical nun comunicado.

Por outra parte, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) recibiron o Premio 8 de Marzo. A CIG recoñece así a folga de 28 días coa que as traballadoras conseguiron que CCOO e UXT non asinaran un convenio que introducía dúas táboas salariais diferentes e que non contemplaba incrementos salariais conforme o IPC.

Na súa intervención após a entrega dos agasallos ás premiadas, Nicolasa Castro, secretaria confederal das Mulleres da CIG, considerou que "non é casual" que houbera neste ano múltiples conflitos protagonizados por mulleres, "xa que é precisamente nos sectores feminizados onde hai unha maior precariedade", sinalou.

A central sindical tamén acordou conceder unha Mención 10 de marzo á loita das traballadoras e dos traballadores do metal e unha Mención 8 de Marzo ás traballadoras das tendas de Inditex (ambos da provincia da Coruña).

As comarcas agonizan

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, foi o encargado de fechar o acto cunha intervención na que rixo un percorrido pola "crítica situación económica e social actual", e polas súas consecuencias, que está a padecer a clase traballadora galega. "Os sectores económicos están en crise, con comarcas enteiras agonizando e cunha nova ofensiva eólica que terá graves consecuencias para o futuro do país", alertou. 

Carril tamén repasou as políticas que adoptou o Goberno  español, lamentando que non se cumpriran as "expectativas de cambio", pois, sinalou o secretario xeral, "nin se derrogaron as reformas laborais de 2010 e 2012, nin se derrogou a lei mordaza". "Reforzouse, ademais, a capacidade represiva do Estado coa modificación no Código Penal do delito de orden pública agravada", engadiu o secretario xeral da CIG. Políticas que considerou “máis lesivas do punto de vista social, mais tamén de liberdades públicas”.

Nese sentido, acusou o Goberno español de ser submiso e “servil” ás directrices emanadas da UE, aplicando políticas económicas e sociais neoliberais como as que “faría un goberno de dereitas” e cumprindo todas as exixencias que traen consigo os fondos europeos. Denunciou, por iso, a nova reforma das pensións que “consolida e amplía” a reforma de 2011, introducindo elementos “perversos”, como a atribución de competencias que se lle fai a AIREF. Un organismo nacido coa intervención da UE do Estado español polo rescate bancario que se encargará de supervisar, cada tres anos, como se aplican as medidas e se se garante o equilibrio de ingresos e gastos, podendo adoptar medidas para garantir ese equilibrio.

Carril denunciou que isto terá consecuencias “brutais” porque “é como asinar unha cláusula de descolgue salarial permanente, mecánica e automática en función de que se dean unha serie de variábeis”.

O secretario xeral da CIG chamou a seguir utilizando a negociación colectiva non só para frear os efectos da reforma laboral, senón tamén para "mellorar o poder adquisitivo dos salarios ante a carestía da vida e a inflación".

E fronte a isto rexeitou con contundencia que se poida "chegar a un acordo de negociación colectiva en base á proposta formulada por UGT e CCOO que supón unha renuncia absoluta ao IPC como elemento determinante para a revisión dos salarios" e ligar o seu incremento ao resultado económico das empresas.

Comentarios