A luz baixa un 4,46% este sábado e mantense por debaixo dos 250 euros/MWh

Desde o pasado 12 de marzo, o prezo do mercado maiorista mantívose en torno aos 250 euros/Mwh, aínda que tivo oscilacións.
Unha persoa cambia unha bombilla. (Foto: Europa Press)
photo_camera A luz baixará hoxe até os 221,91 euros o megavatio/hora (Foto: Marta Fernández / Europa Press)

O prezo medio da electricidade no mercado maiorista baixará este sábado un 4,46%, até os 221,91 euros o megavatio/hora (MWh), co que se mantén por terceira xornada consecutiva por baixo da cota dos 250 euros/MWh, en torno á cal se estabilizou desde a fin de semana pasada, segundo datos publicados polo Operador do Mercado Ibérico de Enerxía (OMIE).

Cómpre sinalar que os prezos do mercado maiorista adoitan baixar as fins de semana debido ao descenso da demanda. Por tramos horarios, o prezo máximo da luz para este sábado darase entre as 19 horas e as 20 horas, con 285,02 euros/MWh, mentres que o mínimo, de 187,07 euros/MWh, rexistrarase entre as 15 e as 16 horas.

Os prezos do 'pool' repercuten directamente na tarifa regulada ─o denominado PVPC─, á que están acollidos case 11 millóns de consumidores no país, e serven de referencia para os outros 17 millóns que teñen contratado a súa subministración no mercado libre.

Certa estabilización desde a invasión

Desde o pasado 12 de marzo, o prezo do mercado maiorista mantívose en torno aos 250 euros/Mwh, aínda que tivo oscilacións máximas e mínimas que van desde os 263 euros/MWh da cuarta feira desta semana aos 217,13 euros da quinta.

O pasado 24 de febreiro, cando comezou a invasión rusa de Ucraína, o prezo do mercado maiorista estaba en 205,6 euros/MWh e, desde entón, produciuse unha escalada diaria do prezo que tivo o seu punto álxido o 8 de marzo, cando a cotización se situou no récord absoluto de 544,98 euros/MWh.

Esta espiral alcista produciuse, sobre todo, polo aumento do prezo do gas procedente de Rusia. Con todo, os contratos de futuros do gas natural negociados na plataforma holandesa TTF cotizaban na sexta feira sobre os 104 euros/MWh, con picos que chegaron até os 109,8 euros, mais lonxe dos rexistros de comezos da semana pasada, cando se tocaron os 345 euros.

Nesa liña, o día previo á invasión rusa de Ucraína o prezo do gas na Galiza cotizaba por baixo dos 80 euros/MWh, mentres que na sexta feira estaba en 100,8 euros/MWh, o que supón un descenso de apenas o 0,29% fronte ao rexistro da véspera (100,5 euros/MWh), segundo os datos do Mercado Ibérico do Gas (Mibgas).

Comentarios