As eléctricas ingresan 2.600 millóns en 2021 na Galiza

As eléctricas ingresan 2.600 millóns en 2021 na Galiza

Os datos publicados onte por Rede Eléctrica Española (REE) sobre a xeración eléctrica en 2021 certifican que a Galiza segue a ser un territorio exportador, cunha produción de 24.205.021 megawatts/hora durante o pasado exercicio. Ao tempo, confírmase a tendencia de 2020 sobre a xeración de orixe renovábel, que sumou 17.974.300 megawatts por hora, sendo superior ao consumo interno galego.

O encoro de Belesar (Chantada), o segundo de maior potencia instalada, é un dos que remata a súa concesión nos próximos anos (Foto: Luis Vilanova).
photo_camera O encoro de Belesar (Chantada), o segundo de maior potencia instalada da Galiza(Foto: Luis Vilanova).

A Galiza xerou 24.205.021 megawatts por hora ao longo do ano 2001. A produción de orixe renovábel representou 17.974.300 megawatts por hora e a de orixe non renovábel 6.230.721mw/h. Segundo sinala a Nós Diario o integrante do Colectivo Bidán Fernando Branco, “sendo a produción total de 24.205.021 mw/h, a un prezo medio de 111,4 euros no mercado grosista, os ingresos na Galiza das eléctricas foron de 2.696.439.339 euros”.

A exportación da electricidade a Madrid

A Galiza exportou en 2021 28,1% do total da electricidade producida. As cifras situáronse na liña das últimas anualidades, chegando a 31,8% en 2020, a 25% en 2019 e a 35% en 2018. Neste sentido, practicamente a terceira parte da electricidade producida polas distintas tecnoloxías non se utiliza no país, destinándose a outros territorios que consumen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais.

A este respecto, Branco afirma que “o valor dese 28% de electricidade que exportamos, isto é 6.426.339 mw/hora, chega a 715.894.164 euros”.

“O vento e a auga son o noso petróleo e o noso gas”, afirma Branco, “un recurso que temos nós e outros non". Porén, lamenta que a Galiza non obteña beneficio ningún destes recurso. "Nin temos empresas públicas para que unha parte dos beneficios queden aquí nin contamos cunha tarifa eléctrica galega para abaratar o custo da luz, nin as empresas enerxéticas que producen aquí teñen a súa sede fiscal na Galiza”.

Neste sentido, a situación da Galiza contrasta coa de Madrid, deficitaria en enerxía eléctrica en 95% e que non conta cun só aeroxerador eólico instalado.

72,3% da electricidade xerada na Galiza é de orixe renovábel, superando esta produción as necesidades de consumo das persoas e empresas galegas. Así, a electricidade renovábel representou 17.974.300 megawatts á hora en 2021, sendo o consumo total galego de 17.420.799 mw/h.

Nese sentido, certificouse a liña comezada en 2020, cando a electricidade de fontes renovábeis foi superior ao consumo interno galego en 15,4%.

A especialización produtiva da Galiza

Fernando Branco considera que “os datos de Rede Eléctrica Española corroboran o carácter exportador a nivel eléctrico da Galiza e o peso cada día máis importante das enerxías renovábeis”. Nesta dirección, destaca que “a renovábel, superou no cómputo anual ao consumo interno, pero hai moitos meses que iso non pasou como abril, maio, xuño, xullo, agosto, setembro e outubro”.

Porén, advirte que “cada vez imos precisar de máis electricidade polos aumentos de consumos no futuro, sobre todo nos transportes pero tamén en usos domésticos e industriais”.

Comentarios