O Goberno español permitiu a mobilización de Ence na Toxa e non a da CIG

A CIG recibía na quinta feira a desestimación do recurso presentado contra a prohibición de se manifestar con motivo do Foro da Toxa nesa illa. Porén, as traballadoras e traballadores de Ence puideron concentrarse no lugar.

Concentración de traballadoras e traballadores de Ence esta sexta feira (Imaxe: Europa Press).
photo_camera Concentración de traballadoras e traballadores de Ence esta sexta feira (Imaxe: Europa Press).

Dupla vara de medir da Subdelegación do Goberno español en Pontevedra. Mentres impediu á CIG manifestarse na mañá da sexta feira con motivo da clausura do Foro da Toxa na propia illa, deu luz verde á mobilización comunicada polas traballadoras e traballadores de Ence, que solicitaron a permanencia da fábrica na ría de Pontevedra, malia que a Audiencia Nacional declarou ilegal a prórroga á concesión concedida polo Goberno de Mariano Raxoi en funcións.

En declaracións a Nós Diario, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, afirmaba que “mentres os de Ence levan toda a semana mobilizándose no Grove, contra os da Mesa pola Normalización Lingüística cargan e a nós non nos deixan nin achegarnos”.

Ao seu entender “isto constata o ánimo de reprimir a quen representa unha verdadeira oposición ás políticas que se están a desenvolver para afrontar a actual crise”.

“É descarado ver como os Gobernos do PP e do PSOE están máis preocupados  por aplaudir e acatar o que digan as empresas e multinacionais que se enriquecen a costa de todos nós e que neste foro están a facer unha obscena demostración, especialmente no día de hoxe, con Iberdrola e Abanca”, engadiu Carril.

O obxectivo da CIG

A manifestación da CIG tiña por obxecto a denuncia da “estafa dos prezos da enerxía eléctrica, o fechamento de oficinas bancarias que a Xunta financia con subvencións a caixeiros e a grave crise económica, industrial e laboral que padece a Galiza”.

Porén, a pasada sexta feira, o sindicato informaba os medios de comunicación de que a Subdelegación do Goberno español prohibía a convocatoria. Unha decisión que foi referendada na quinta feira polo Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), o que motivou as protestas do BNG diante do Parlamento da Galiza e mais do Congreso dos Deputados.

Por outra banda, membros da Mesa pola Normalización Lingüística concentrábanse na cuarta feira na illa para reivindicar a restitución do topónimo, que é reiteradamente deturpado nas comunicacións da organización do foro e no propio nome do encontro, coa lexitimidade do Goberno español e do galego, que fan parte das palestras.

O presidente da asociación, Marcos Maceira, denunciou o trato recibido pola Garda Civil, que chegou a empurralo e golpealo, caendo ao chan. Un trato que recibiron outros participantes da mobilización da Mesa, entre eles, a deputada nacionalista Montse Prado.

Fronte a isto, na mañá da sexta feira traballadoras e traballadores de Ence concentráronse na Toxa para pedir ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, unha "solución" que garanta o futuro da planta e a súa permanencia en Lourizán (Pontevedra) con motivo da súa visita á localidade para participar no acto de clausura do Foro A Toxa-Vínculo Atlántico.

A concentración convocouse ante o centro de convencións da illa da Toxa que acolle o encontro, pero os controis estabelecidos pola Garda Civil impediron o acceso á zona dos traballadores, segundo explicou a presidenta do comité de empresa de oficinas, Ana Cedeira, a Europa Press.

Os empregados reuníronse ante a ponte que conecta o centro urbano do Grove coa illa, onde se puideron ler mensaxes como 'Ence si, paro non', 'PSOE e Podemos vende obreiros' e 'Polo futuro industrial e forestal da Galiza, Ence non fecha'.

Comentarios