luns 24.02.2020

A lentitude de Madrid mantén as electrointensivas galegas sen estatuto

O Consello de Ministras deixa de novo no caixón a aprobación do decreto que abarata a factura enerxética das industrias electrointensivas.
Alcoa en San Cibrao  [Imaxe: Cedida]
Alcoa en San Cibrao [Imaxe: Cedida]

Intranquilidade nas empresas galegas, que levan meses agardando. E parece que desta vez tampouco vai ser. O Consello de Ministras de onte volveu deixar no caixón o Estatuto do Consumidor Electrointensivo que reclaman firmas con presenza na Galiza como Alcoa e Celsa, ou as galegas Ferroatlántica e Megasa.  

Parecía que a súa aprobación ía ser inminente en canto houbese novo Goberno en Madrid. Cando menos, o anterior Executivo de Pedro Sánchez escudábase na interinidade para non sacalo adiante, pero xa van catro reunións do novo gabinete ministerial (una delas extraordinaria) sen que se aprobe o decreto que permita a estas empresas reducir os seus custos de produción grazas a unha factura eléctrica máis barata da que xa desfrutan as industrias electrointensivas radicadas en Alemaña ou Francia. Alí, o prezo da enerxía é sensibelmente inferior, o que as fai moito máis competitivas que as galegas.

As vantaxes do estatuto

Precisamente, o modelo destes países é o que pretende replicar o Estado español. O secretario xeral de Industria, Raúl Blanco, anunciou recentemente que as tres medidas principais que contemplará este novo estatuto, que conta xa co plácet de Bruxelas, serán a redución de até 85% na parte fixa do recibo que pagan as empresas para financiar as renovábeis e a produción eléctrica fóra da Península Ibérica, a incorporación de compensacións nos custos indirectos do CO2, que irán con cargo aos orzamentos xerais do Estado, e incentivos para a contratación de enerxía a longo prazo. 

As previsións do Goberno español pasan por sacar adiante o novo estatuto este mesmo mes. Ás empresas, namentres, apuran os seus últimos folgos para non marchar ou fechar pola súa falta de competitividade.

comentarios