Alcoa protestará na Mariña pola demora do novo estatuto

O comité de empresa ultima a convocatoria dunha gran manifestación na Mariña para exixir ao Goberno español a aprobación do estatuto para as electrointensivas.
Manifestación en Viveiro de apoio ao persoal de Alcoa San Cibrao (Europa Press)
photo_camera Manifestación en Viveiro de apoio ao persoal de Alcoa San Cibrao (Europa Press)

As traballadoras de Alcoa en San Cibrao (Cervo) amosan a súa fartura pola demora do Goberno español na aprobación do novo estatuto para as empresas electrointensivas. O presidente do comité de empresa, Xosé Antonio Zan, anunciou onte que a representación das traballadoras está a pensar "nunha gran mobilización" na Mariña pola falta de noticias sobre o estatuto co que agardan garantir a continuidade da planta. Os detalles sobre a convocatoria precisaranse a finais desta semana ou a comezos da próxima, indicou.

Con esta marcha, o comité pretende facer "un pouco máis visíbel" o problema na Mariña para que "cada persoa que veña aquí saiba que hai un problema y teña claro que a solución pasa por unha regulación". "O que temos que ter claro é que fai falla un marco enerxético que nos evite andar cada pouco tempo tendo que saír á rúa pedíndoo. Ao final dilúese, e a xente, ante la ameaza de que vén o lobo, non se dará conta que o lobo  témolo aquí ás portas da fábrica", alertou.

Incerteza en Cee

Tamén pendentes do estatuto e dun plan de viabilidade, o comité de Ferroatlántica nas plantas de Cee, Dumbría, e as centrais hidroeléctricas anunciou unha concentración esta sexta feira fronte ao Concello de Cee para reclamar á Xunta que "exerza as súas responsabilidades e obrigue" á nova xerencia da empresa a "presentar un plan de viabilidade". A concentración coincidirá co debate municipal para presentar unha moción ante o Goberno español que inste á aprobación "inmediata do Estatuto do Consumidor Electrointensivo" e para que o Executivo galego "esixa o perceptivo plan á empresa de ferroaleaciones".

A concentración servirá tamén para protestar contra a decisión da empresa de parar o forno dunha das factorías pola suposta baixa demanda e o alto prezo de produción.

Comentarios