2023 fecha cunha suba en alimentos de 7,2% e o IPC en 3,2%: que encareceu máis?

Os datos facilitados esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE) confirman un importante aumento dos prezos en 2023. Desde a Unión de Consumidores da Galiza critican que para a súa contención non se teña en conta este ano a eliminación do IVE de alimentos como o peixe e a carne. 
Dúas persoas observando os prezos dos alimentos nun supermercado de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro (Foto: Arxina).
photo_camera Dúas persoas observando os prezos dos alimentos nun supermercado de Santiago de Compostela o pasado mes de decembro. (Foto: Arxina).

A Galiza rematou 2023 cunha inflación de 3,2%, unha décima máis que o conxunto do Estado español, que finalizou o ano marcando 3,1%, segundo as cifras publicadas esta sexta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Os protagonistas destes datos no Índice de Prezos de Consumo (IPC) galego foron os alimentos, cunha suba interanual de 7,2%, a hostalaría, que aumentou 6,2%; e o transporte, que rematou con 4,4%.

As alzas internauais tamén estiveron presentes noutros apartados como o de bens e servizos (3,9%), comunicación (3,1%), ensino (2,8%), nos de mobiliario, bebidas alcohólicas e lecer (2,6% nos tres casos), medicina (1,8%) e vestido (1,2%). A única baixada do ano, a nivel galego, foi a da vivenda (-6,5%) que se sumou ás que tiveron lugar en todo o Estado español no apartado do gas (-20,3%) e na electricidade (-17,3%).

Na alimentación, no conxunto do ano, os maiores encarecementos foron os do aceite de oliva (54,6%), outros aceites e graxas (36,3%), legumes e hortalizas frescas (13,2%), froita (11,8%), porcino (12,3%) e ovino (9,7%). 

Críticas da Ucgal ao IVE do peixe e a carne

En relación á suba de prezos dos alimentos, desde a Unión de Consumidores da Galiza (Ucgal) criticaron que o Goberno español decidira esta semana eliminar a aplicación do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) só ao aceite de oliva e “perdera a oportunidade” de aplicar a mesma medida a outros produtos básicos do cesto da compra como o peixe ou a carne.

A organización indica que coa decisión adoptada “caen por si mesmos os argumentos esgrimidos desde o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) ou desde o Ministerio de Facenda, xa que logo non se pode xustificar a medida sobre a base do aumento de prezos do aceite, xa que esta suba está a ser tamén moi significativa no caso de produtos do mar”.

Desde esta entidade consideran que desta maneira carnes e peixes “están a quedar fóra do cesto da compra de milleiros de familias que non poden permitirse o seu consumo debido ao elevado prezo”. Ucgal lembra que perto de 70% da poboación galega considera que a rebaixa ou supresión do IVE podería incentivar o consumo de peixe, “un produto básico na conformación dunha dieta equilibrada e saudábel e cuxa calidade proteica está avalada polos máis recoñecidos profesionais da nutrición”.

Aumento de prezos,  poboación e competencia

O profesor da USC e coordinador da liña de investigación en economía do Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (Igadi), Diego Sande Veiga, sinala a Nós Diario que a previsión inicial que se facía a mediados de 2023 situaba a suba do IPC “ao redor de 4%”, algo maior á porcentaxe que finalmente recolleu o INE. O economista explica a suba de prezos na Galiza, en parte, como unha consecuencia das medidas tomadas para saír da crise económica de “carácter expansivo”.

En opinión de Sande Veiga, un instrumento como os fondos Next Generation, que se estenderán até 2026, “supuxeron na práctica pór en circulación unha gran cantidade de euros que antes non había na economía”. Esta decisión, entende o economista, “provocou o mantemento do consumo por parte das familias que, sumado á capacidade de aforro que algunhas poucas economías tiveron, ocasionaron un aumento da demanda e polo tanto dos prezos".   

Para explicar unha suba maior de prezos na Galiza, Sande Veiga apunta ás características da Galiza relacionadas coa análise propia que se realiza para obter o IPC. “No cesto de consumo que se emprega, nos territorios cun menor nivel de desenvolvemento, no que podería estar a Galiza, ten máis importancia a compra de produtos básicos, como son os alimentos”. Pola contra, este investigador indica que “os habitantes de territorios con máis renda tenden a dispor o gasto noutro tipo de bens que non son tan básicos, como son os servizos ou manufacturas”. Esta circunstancia podería, segundo o profesor da USC, “diferenzas entre os datos duns territorios con outros”. 

Ademais, Sande Veiga introduce outra característica que explicaría o comportamento dos prezos: a densidade de poboación. “Raymon Torres sinalaba que os países con menor densidade de poboación sofren con maior intensidade a suba do IPC pola falta de ofertas e servizos con pouca competencia que controlen os prezos”, apunta. En relación a 2024, Sande Veiga considera "arriscado facer predicións", mais augura que se poderían "controlar os prezos".  

Baixa 6% o consumo e redúcese o comercio

Unha das consecuencias do aumento de prezos do pasado decembro foi o descenso do consumo na Galiza por parte da poboación. Segundo o Observatorio Cetelem, este último Nadal o gasto medio das galegas e dos galegos reduciuse 6% até situarse en 485 euros, fronte aos 518 euros do anterior estudo na mesma época. Segundo o informe, 34% dos consumidores realizaron un menor desembolso respecto a o Nadal do ano anterior, 42% refire gastar o mesmo e outro 24% sostén que aumentou o seu consumo na pasada época do Nadal. Os produtos que máis se compraron na Galiza o último Nadal foron, segundo este estudo, moda, con 54% das mencións; perfumes (47%) e calzado e complementos (37%). 

A baixada do consumo notouse, sobre todo no pequeno comercio. Desde a Unión de Profesionais e Traballadores Autónomos (UPTA) lembran que a Galiza perdeu o ano pasado 1.349 afiliadas ao Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA). Para o presidente de UPTA, Eduardo Abad, a realidade máis cruel vívese no pequeno comercio. A carencia de medidas directas sobre este sector obrigou ao feche moitos estabelecementos.

“Seguimos tendo demasiados puntos débiles, o comercio e a hostalaría esborrállanse cada ano”, asegura, “a lectura é sinxela, a destrución dos pequenos negocios está a ser absorbida por grandes empresas, isto ten un reflexo positivo no emprego por conta allea, en termos numéricos, mais sen que o dato de crecemento do traballo supoña mellores empregos nin salarios”, engade.

Comentarios