O Goberno estatal anuncia que prorrogará a rebaixa do IVE en alimentos básicos

As medidas contra a inflación continúan até xullo, segundo deu a coñecer o Goberno estatal na segunda feira. Porén, non concreta se se manterá o bono gratuíto para as persoas usuarias recorrentes do tren.

As ministras Diana Morant, María Jesús Montero e Pilar Alegría, hoxe, en rolda de prensa após o Consello de Ministros. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera As ministras Diana Morant, María Jesús Montero e Pilar Alegría, hoxe, en rolda de prensa após o Consello de Ministros. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

O Goberno español prevé aprobar na cuarta feira un Real Decreto para prorrogar algunhas das medidas destinadas a combater a inflación que caducan o próximo 31 de decembro. Unha delas é a rebaixa do Imposto do Valor Engadido (IVE) dos alimentos básicos. O novo paquete que se acordará no derradeiro Consello de Ministras e Ministros do ano, segundo informou na segunda feira o Goberno estatal, será o oitavo impulsado polo Executivo para seguir respondendo ao incremento de prezos, unha mobilización de recursos que, até o de agora, ascende a perto de 47.000 millóns de euros.

O próximo bloque de medidas manterá a supresión durante seis meses máis do IVE de 4% que se aplica a todos os alimentos de primeira necesidade, entre eles o pan, a fariña, o leite, os queixos ou os ovos, e a rebaixa de 10% a 5% do aceite e a pasta. Os alimentos básicos que ven eliminado o IVE de 4% son, entre outros, o pan común, así como a masa de pan común conxelado e o pan común conxelado destinado exclusivamente á elaboración do pan común.

Asemade, inclúen os tipos de leite producido por calquera especie animal: natural, certificada, pasteurizada, concentrada, desnatada, esterilizada, UHT, evaporada e en po; os queixos; os ovos e as froitas, verduras, hortalizas, legumes, tubérculos e cereais, que teñan a condición de produtos naturais de acordo co Código Alimentario. Non se inclúe, como até o de agora, o peixe, malia as reiteradas reclamacións por parte do sector do mar.

Caída dos ingresos

A Axencia Tributaria asegurou que estas rebaixas fiscais supoñen para as arcas públicas unha diminución de ingresos de 1.573 millóns de euros entre xaneiro e novembro deste ano. O Executivo estatal estuda prorrogar outras rebaixas do IVE. Unha delas é a baixa do tipo de IVE a 5% á electricidade e o gas, madeira e pellets, cuxo custo ascendeu a 728 millóns de euros no que vai de ano.

A respecto do mantemento dos bonos do tren, nada se sabe até o momento. A semana pasada, o BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, preguntaba ao Ministerio de Infraestruturas cando pensaba informar ao respecto, mais, de momento, o departamento dirixido por Óscar Puentes aínda non se pronunciou.

Comentarios