O encarecemento dos alimentos sitúa en 3,6% a inflación na Galiza, por riba da media estatal

Os alimentos e bebidas non alcólicas aumentaron nos últimos 12 meses en case 10%

O prezo dos alimentos segue a medrar na Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O prezo dos alimentos segue a medrar na Galiza. (Foto: Nós Diario)

A Galiza rexistrou no mes de outubro, segundo os datos publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), un aumento interanual do Índice de Prezos de Consumo (IPC) de 3,6%, unha décima porcentual por riba da suba de custos no  Estado español, que foi de 3,5%. Na comparanza co mes de setembro, a inflación foi de 0,3% na Galiza, a mesma taxa que se experimentou na media estatal.

O aumento do IPC responde fundamentalmente ao incremento dos prezos dos alimentos e das bebidas non alcólicas, cuxo custo aumentou 1% en termos mensuais e 9,9% con respecto a outubro de 2022, catro décimas porcentuais por riba da suba experimentada neste apartado no conxunto do Estado.

A inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), neste caso sen datos desagregados para a Galiza, baixou seis décimas porcentuais en outubro, até 5,2%, situándose 1,7 puntos porcentuais por encima do IPC xeral, mais por baixo de 5,5%.

A barreira de 5,5% foi a marcada polo Goberno estatal para a continuación (ou non) do desconto do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE) para determinados alimentos básicos. 

O último punto de actualización desta baixada do IVE sobre determinados alimentos básicos realizouse coa inflación subxacente de setembro, que se coñeceu en outubro, mais ao alcanzar esta 5,8% mantívose a medida até o 31 de decembro.

Neste contexto xorde a incerteza sobre a decisión que tomará o novo Executivo español sobre a renovación (ou non) da actual rebaixa fiscal imposta sobre determinados alimentos a partir do 1 de xaneiro de 2024.

O aceite de oliva encareceu 73% nos últimos 12 meses

Os datos do INE non ofrecen datos sobre as mercadorías concretos desagregados para a Galiza. Con todo, os datos a nivel estatal certifican unha realidade que se percibe en calquera supermercado, a alza do aceite de oliva, que encareceu 73% durante os últimos 12 meses, o maior dos incrementos entre todos os produtos. 

Comentarios