O IPC baixa unha décima e a inflación subxacente modérase ao 3,8%

Coa moderación da súa taxa interanual en decembro, a inflación volve rexistrar descensos e cae ao seu menor nivel desde o pasado mes de agosto, cando se situara en 2,6%.
A estabilidade dos prezos dos alimentos foi determinante na moderación do IPC. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
photo_camera A estabilidade dos prezos dos alimentos foi determinante na moderación do IPC. (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) non experimentou variación en decembro en relación ao mes anterior mais recortou unha décima a súa taxa interanual, até 3,1%, debido á estabilidade dos prezos dos alimentos e bebidas non alcólicas, fronte á suba rexistrada no último mes do ano anterior. Pola contra, os prezos dos carburantes diminuíron, pero con menor intensidade que en 2022, á vez que tamén influíu a electricidade, cuxos prezos aumentan menos que en decembro do pasado ano, segundo os datos avanzados esta sexta feira polo INE.

Coa moderación da súa taxa interanual en decembro, a inflación volve rexistrar descensos e cae ao seu menor nivel desde o pasado mes de agosto, cando se situara en 2,6%. O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en decembro baixou sete décimas, até 3,8%, taxa 0,7 puntos superior á do IPC xeral e a máis baixa desde marzo do ano pasado (3,4%).

Desde o Ministerio de Economía, Comercio e Empresa —que a partir de hoxe ten un novo titular, Carlos Cuerpo— destacaron que grazas ás medidas adoptadas polo Goberno español "a inflación xeral e a subxacente manteñen a súa senda descendente, permitindo que os salarios sigan gañando poder adquisitivo e as empresas españolas unha maior competitividade, mesmo no difícil contexto internacional".

Así, lembran que a inflación seguiu a reducirse no mes de decembro até o 3,1% "grazas ao bo comportamento dos prezos dos alimentos e a electricidade". En termos mensuais —decembro sobre novembro—, porén, o IPC non rexistrou variación, tras descender 0,4% no mes novembro.

No duodécimo mes de 2023, o Índice de Prezos de Consumo Harmonizado (IPCH) situou a súa taxa interanual en 3,3%, a mesma que a rexistrada o mes anterior. Pola súa parte, a variación mensual estimada do IPCH foi de 0,0%. O INE publicará os datos definitivos do IPC de novembro o próximo mes de xaneiro.

Comentarios