Os intereses da eólica mariña baten cos da pesca: o parque Galwind afectaría 30 caladoiros

A Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños urxe o Ministerio a elaborar un estudo sobre a viabilidade do proxecto.
Afección do parque Galwind aos caladoiros pesqueiros situados na zona. (Fonte: Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca)
photo_camera Afección do parque Galwind aos caladoiros pesqueiros situados na zona. (Fonte: Ministerio de Agricultura, Alimentación e Pesca)

O Grupo Cobra iniciou no verán os trámites previos de cara á autorización dun parque eólico mariño, Galwind, que situaría 68 aeroxeradores e abranguería unha superficie de máis de 160 quilómetros cadrados fronte a Ortegal e Estaca de Bares, un proxecto que non agrada o sector pesqueiro por mor da súa "incompatibilidade".

Neste senso, a Plataforma en Defensa da Pesca e os Ecosistemas Mariños vén de alertar de que estas instalacións afectarían a actividade en até unha trintena de caladoiros da zona, "como mínimo".

A organización manifestou o seu malestar nunha misiva dirixida ao Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco), na que lamenta a "falta absoluta" de datos no proxecto e que non se consultase previamente o Observatorio da Eólica Mariña da Galiza, entidade na que está representados, entre outros, os pescadores galegos.

"A zona buscada a súa localización e as zonas de cableado terían un impacto directo e indirecto sobre 30 caladoiros de pesca, e afectaría importantes especies como o xurelo, a xarda, o peixe sapo ou o rapante, entre outras especies de interese comercial coas que traballa a frota do caladoiro nacional do Cantábrico-Noroeste", precisaron no escrito.

En consecuencia, desde o sector pesqueiro da Galiza demandan a presentación dun estudo sobre a viabilidade do proxecto que, entre outros aspectos, recolla as "afeccións singularizadas de cada caladoiro", a "riqueza media, diversidade e prevalencia de peixes nesas zonas" ou as "vedas á pesca vixentes e a súa incidencia directa e indirecta sobre a zona proxectada.

Galwind é un dos cinco proxectos de eólica mariña que o Miteco está a tramitar actualmente en augas galegas, canda os parques Nordés, San Brandán, San Cibrao e Celta I, o último en sumarse á carreira polo desenvolvemento desta industria enerxética crecente.

No xornal desta mesma cuarta feira, aliás, Nós Diario recolle as impresións do sector a respecto destes proxectos eólicos no mar, tras os cales, segundo as fontes consultadas, estaría o "lobby eólico". "A Comisión Europea está tomando decisións que afectan a pesca en base a informes elaborados polo propio lobby eólico", lamenta Ignacio Vázquez, presidente da Asociación de Arrastreiros de Ribeira.

Comentarios