luns 08/03/21

Un informe propón a reagrarización da Galiza para salvar a economía

Un informe remitido á Comisión para a Reactivación da Galiza avoga por recuperar a importancia da agricultura galega na estratexia económica na pospandemia. A análise advirte dunha crise enerxética e descarta apostar por primar proxectos de dixitalización nos fondos europeos que se presentarán durante este 2021.
Explotacións agrarias no val do Limia (Sindicato Labrego Galego)
Explotacións agrarias no val do Limia (Foto: Sindicato Labrego Galego)

A Comisión sobre a Reactivación Económica, Social e Cultural da Galiza do Parlamento galego vén de recibir un informe realizado polo Instituto Resiliencia no que se avoga por recuperar o papel central da agricultura na Galiza de cara á recuperación do período posterior á pandemia. Co nome de "Resiliencia, Reagrarización e Poscrecemento na Galiza poscovid", o documento alerta dunha crise enerxética "ás portas" debido ao declive das fontes fósiles de enerxía, nomeadamente o petróleo, do que depende o transporte e mais a agricultura industrializada. 

"Levamos moito tempo da man da economía ecolóxica mais das e dos científicos que están mobilizando a transición enerxética e vimos que un factor básico de cara ao futuro é a resiliencia", explica a Nós Diario Manuel Casal, coordinador do Instituto Resiliencia -entidade con sede en Ames que forma parte do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, coordinado polo profesor Ramón Doldán e recoñecido oficialmente pola Universidade de Nacións Unidas- e redactor do documento. "Para unha Galiza máis resiliente de cara ao futuro hai que ter en conta tres ameazas: o rexurdimento de novas pandemias ou mesmo a prolongación desta, o cambio climático e o declive enerxético", asegura. 

A imposibilidade de substituír o petróleo 

Unha das advertencias que se sinalan no informe, sobre a que xira a proposta final, é a da "imposibilidade de substituír plenamente un petróleo en proceso de declive coas chamadas enerxías renovábeis" que non alcanzarían o nivel de "enerxía neta" que até a actualidade facilitaron o petróleo e outros combustíbeis non renovábeis. 

A este respecto o informe cita o físico do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) Antonio Turiel, experto en transición ecolóxica, que asegura que as renovábeis só poden chegar a soster un 30-40% da enerxía total que consomen as sociedades industrializadas. Así, o informe apunta a necesidade de adecuar o tamaño da economía a esa menor capacidade enerxética das renovábeis mediante o "decrecemento", que define como unha maneira planificada de "reducir a economía sen a crebar".

Casal opina que "Galiza non é autosuficiente en enerxía" aínda que “en electricidade é discutíbel mais hai que ter en conta que é só unha parte de toda a enerxía que consumimos", engade.

O futuro está no agro

A mellor resposta económica á pandemia por parte do sector primario en todos os ámbitos serve para dotar de protagonismo no futuro. O informe defende que desde a Xunta se aposte por unha reconversión masiva do sector agrogandeiro cara á agroecoloxía, para así conseguir "resiliencia" e "seguridade alimentaria" nun país que depende nun 50% do exterior para se fornecer de alimentos. 

"O máis intelixente é basear nela o futuro do país e ter en conta que o principal valor que ten a Galiza é o sector primario", asegura. Cre que "temos unha vantaxe con outros territorios pola posíbel desertificación de boa parte da Península Ibérica e as zonas que manterán o tipo son as do noroeste do Estado e Galiza". Pon como exemplo Cuba, un territorio no que, cando quedou sen parte do petróleo, "pasaron a ser os primeiros en agricultura ecolóxica". No caso galego afirma que temos a posibilidade de o facer "con tempo" e o primeiro paso ten que ser "volver mirar de novo o rural".

O redactor do informe alerta de que na pandemia non se falou moito do abastecemento de produtos alimentarios. "Estivemos perto do desabastecemento e iso sábeno desde o sector", un tema que se debería solucionar de cara a contar con outra situación semellante nun futuro inmediato.

Na aposta polo agro defende unha ollada aberta, que incida "non só na alimentación pois poden facerse múltiples actividades que son derivadas como a de transformación de alimentos. Somos potencia en pesca e conservas tamén". 

Os fondos europeos para a recuperación

Desde este informe rexeitan a aposta anunciada polo presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, de que o futuro económico estea na carreira dixital. "Non podemos competir niso", asegura o redactor do informe, "ademais esquécese de que ese tipo de empresas son tamén grandes consumidoras de enerxía a nivel global". 

Por este motivo no informe apélase a que a Xunta revise os proxectos que presentará este 2021 para optar aos fondos europeos para a recuperación dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno español. "Estes fondos poden constituír unha oportunidade seguramente irrepetíbel para afortalar os sectores que realmente poden facer sustentábel e resiliente a economía galega", aseguran. 

Descarbonización e crecemento do PIB

O Instituto Resiliencia considera que se deberían condicionar os obxectivos da Reactivación Económica, Social e Cultural ao respecto do obxectivo de crecemento económico, a un estudo científico e ao conseguinte debate público sobre a viabilidade de compatibilizar descarbonización e aumentar do Produto Interior Bruto (PIB), un debate que xa se leva tempo producindo noutros ámbitos.

No informe presentado ao Parlamento deféndese a proposta que realizou en 2017 o actual decano da Facultade de Económicas da USC, Xoán Ramón Doldán, da necesidade de decrecer no consumo enerxético e apostar por definir un novo obxectivo prioritario alternativo ao incremento do actual Produto Interior Bruto galego.

comentarios