sábado 28/11/20

Unesco enxalza o compromiso de Cuba na cooperación científica e médica

“É un dos países con maior traxectoria en diplomacia científica e médica da rexión, baseada nunha avanzada industria biotecnolóxica e un  robusto sistema de Saúde”, indica a Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura.

Italia recibiu axuda médica desde Cuba na loita contra a Covid (Imaxe: Europa Press)
Italia recibiu axuda médica desde Cuba na loita contra a Covid (Imaxe: Europa Press)

Un recente informe da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) aplaude a Cuba polo seu liderado en cooperación científica.  A integración do sistema cubano de Saúde Pública co desenvolvemento das investigacións e producións biotecnolóxicas na Isla, “non só para dar resposta aos problemas nacionais, senón cun enfoque proactivamente colaborativo cara á rexión e o mundo” é destacado neste documento, titulado Diplomacia Científica en América Latina y el Caribe: Estrategias, Mecanismos y Perspectivas.

"Cuba é un dos países con maior traxectoria en diplomacia científica e médica da rexión, baseada nunha avanzada industria biotecnolóxica e un  robusto sistema de Saúde", subliña o informe presentado no marco das celebracións polo Día Mundial da Ciencia para o Desenvolvemento, segundo informan medios cubanos.

Desde 1963 enviou máis de 400 000 profesionais médicos en 164 misións a países de África, América, Oriente Medio e Asia, ademais de prestar axuda humanitaria en casos de catástrofes, emerxencias e epidemias como o  ébola e máis recentemente a COVID-19

Argumenta a Unesco que “desde 1963 o país enviou máis de 400 000 profesionais médicos en 164 misións a países de África, América, Oriente Medio e Asia, ademais de prestar axuda humanitaria en casos de catástrofes, emerxencias e epidemias como o  ébola e máis recentemente a COVID-19”.

O informe tamén menciona a participación de Cuba en proxectos de cooperación Sur-Sur en campos como a Saúde, a Educación e a Agricultura, e contribúe a formar recursos humanos en América Latina e o Caribe, a través de escolas internacionais en diversas disciplinas, desde a Saúde Pública ata a  resiliencia climática.

O informe foi dado a coñecer durante o Foro Aberto de Ciencias de América Latina e o Caribe, concibido como un espazo vivo de reflexión e interacción coas problemáticas propias da xestión da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, que contribúa á implementación da Axenda 2030 para o Desenvolvemento Sostible na rexión.

A Unesco emprega o exemplo de Cuba como referente para fortalecer a diplomacia científica como unha oportunidade que permita adoptar estratexias innovadoras na colaboración entre os países.

Neste ano, Cuba enviou unhas 50 brigadas médicas, integradas por máis de 3.000 sanitarios, a combater a Covid-19 en nacións de Europa, África, Medio Oriente, América Latina e o Caribe. Por este labor, diversas organizacións internacionais apoiaron publicamente a candidatura do Continxente Internacional ‘Henry  Reeve’ ao premio Nobel da Paz.

comentarios