domingo 28/02/21

A oposición acusa a Xunta de deseñar só unha recuperación para a grande empresa

O conselleiro Francisco Conde nega que por parte da Xunta haxa "ocultismo" nos proxectos que o Goberno galego denomina “tractores” e cos que busca obter fondos europeos de recuperación. 

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, compareceu no Parlamento galego (Foto: Arxina)
O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Francisco Conde, compareceu no Parlamento galego (Foto: Arxina)

O vicepresidente segundo do Goberno galego e conselleiro de Economía, Francisco Conde, negou en sede parlamentar que por parte da Xunta haxa "ocultismo" nos proxectos que o Goberno galego denomina “tractores” e cos que busca obter fondos europeos de recuperación. 

A comparecencia do conselleiro na Cámara chegou esta terza feira, 9 de febreiro, após a semana pasada o presidente do Executivo, Alberto Núñez Feixoo, ter anunciado catro novos proxectos para o Polo de transformación da Galiza, unha iniciativa da Xunta que nace da man de 30 empresas -das que só se deu o nome dunha, Reganosa- canda a unha sociedade creada polo Goberno galego e tamén liderada polo sector privado co obxectivo de impulsar e coordinar eses proxectos. 

Na réplica ao conselleiro, o deputado do BNG Ramón Alfonso criticou o traballo da Xunta "en conxunto con empresas baixo o manto da confidencialidade". Esta maneira de proceder, a xuízo dos nacionalistas, "é pór en bandexa que anden ‘feirando' ao mellor ofertante mentres a cidadanía espera por un rescate que non chega". O deputado afeou o Goberno de Feixoo realizar unha xestión “de costas á xente, virada para os intereses das grandes empresas”, mentres “os pequenos desaparecen”.

O BNG cargou ademais contra o PP por oporse no Parlamento a unha moción da formación nacionalista que demandaba un plan de rescate da hostalaría e o turismo e que pretendía cubrir 70% das perdas polas restricións mediante axudas compatíbeis con calquera outra liña pública. 

Tamén o deputado do PSdeG Juan Carlos Francisco emprazou a Xunta a apoiar os sectores económicos máis afectados pola crise, ao entender que "toda a capacidade de gasto hai que dedicala a reactivar a economía". O socialista puxo como exemplo as axudas da Xunta para a hostalería pois, segundo denunciou, mentres o Goberno galego anuncia 1.900 euros para cada hostaleiro só orzamenta 12 millóns, cando para atender os 21.000 estabelecementos censados en 2021 sería necesario triplicar esta contía até os 36 millóns. 

Lei de simplificación

O vicepresidente urxiu a “axilizar” os proxectos europeos da Xunta, “desenvolver modelos de negocio" e "dinamizar a captación de fondos de socios industriais e tecnolóxicos", polo que aproveitou a súa intervención para pedir "o máximo apoio" aos grupos políticos á lei de simplificación administrativa e reactivación económica, asegurando que o obxectivo da nova norma -que o Parlamento ten previsto votar a finais de mes- é "traballar" para "dotar da máxima seguridade xurídica" e "o máis rápido posíbel" os proxectos empresariais na Galiza. 

Neste punto, aludiu directamente o Goberno estatal pola situación da industria e reclamou unha transición enerxética "xusta", tras os fechamentos das centrais térmicas das Pontes e Meirama. 

A oposición e colectivos ecoloxistas están a prepararse para enfrontar a lei de simplificación administrativa, criticando que a pretensión da norma do PP sexa, entre outras, reducir á metade o tempo da Administración para emitir informes sobre empresas e proxectos de impacto no territorio, como poden ser parques eólicos ou centrais hidroeléctricas.

Galiza recibiu 570 millóns menos dos que lle corresponderían dos fondos Covid

A Galiza recibiu do Goberno estatal 570 millóns menos dos que lle corresponderían dos distintos fondos para a reconstrución fronte á pandemia do coronavirus de aplicárense os criterios que se utilizan no sistema de financiamento autonómico, segundo aseverou no Parlamento galego o conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Esta cifra responde aos distintos fondos extraordinarios dos exercicios 2020 e 2021 e teñen en conta os denominados 'fondos Covid' do ano pasado en materia de sanidade, educación, transporte... pero tamén atenden as achegas "adicionais ou extraordinarias" en materia de sanidade e plan estatal de vivenda, entre outros, así como o reparto dos fondos europeos React-UE. "Necesitamos que o Goberno concrete os criterios do reparto", subliñou Conde.

A oposición acusa a Xunta de deseñar só unha recuperación para a grande empresa
comentarios