A inflación aumenta o interese polo ladrillo, que volve ás cifras da 'burbulla'

A escaseza de vivenda e o interese dos investidores polo sector como refuxio ante a elevada inflación quentan o mercado inmobiliario
A escasa oferta de vivendas pódese ver prexudicada pola falla de man de obra e os problemas de subministración de materiais. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)
photo_camera A oferta de vivendas pódese ver prexudicada pola falla de man de obra e os problemas de subministración. (Foto: Alberto Ortega / Europa Press)

A Galiza rexistrou o pasado mes de setembro 1.723 operacións de compravenda de vivendas, o que supón 28,5% máis que o mesmo mes de 2020 e o maior volume de transaccións nun mes de setembro desde o ano 2010. No conxunto do Estado español as cifras superan xa as de 2008, o ano en que estourou a burbulla inmobiliaria. 

Desta vez son varios os factores que levan a 'quentar' o mercado. Un deles o imparábel crecemento da inflación ─foi do 5,7 en outubro─, que fai que as persoas investidoras decidan pór os seus cartos no ladrillo para non perderen poder adquisitivo. 

A directora de Estudos e portavoz do portal inmobiliario Fotocasa, María Matos, sinala que o mantemento de tipos de interese baixos e a incerteza provocada pola pandemia consolidou os activos inmobiliarios como un refuxio para as persoas investidoras. "Esta conxuntura beneficiou as investidoras, que apostan pola compra de vivendas como activos atractivos, seguros e con rendibilidade a longo prazo", indica Matos.

Nesta liña, apunta que tres de cada catro persoas que adquiren un inmóbel como investimento fano para destinalo a alugueiro de longa duración; 15% aposta no alugueiro de estancias curtas e só 10% non pensa en alugala. 

Con todo, Matos non cre que haxa perigo dunha nova burbulla inmobiliaria. En primeiro lugar, porque os prezos non están a subir de forma desorbitada e agora mesmo o prezo medio da vivenda de segunda man está case 40% por baixo dos anos do 'boom' inmobiliario. E, en segundo lugar, porque aínda que os bancos están a dar hipotecas e manteñen a billa do crédito aberto, son "moito máis cautos e comedidos que no pasado".

Escaseza de pisos e material

Outro dos factores que está a quentar o mercado é a escasa oferta e a falla de man de obra na construción, ao que se suma nos últimos meses a escaseza de materiais e materias primas, circunstancias que levan o portal Pisos.com a prever un encarecemento de 4 ou 5% nos prezos para o próximo ano.

Pese a esta alza, o director de Estudos deste portal, Ferran Font, apunta que  "non se esperan escenarios de sobrevaloracións abruptas", xa que a oferta como demanda buscan estabilidade. "Estes picos non hai que interpretalos como a antesala dunha burbulla, senón como a resposta lóxica da demanda retida durante o coronavirus", insiste Font.

Aumento das hipotecas

Un bo indicador do mercado é a concesión de hipotecas. En agosto ─último mes do que hai rexistros─ aumentou 62,9% respecto ao mesmo período de 2020. Porén, o cambio de actitude da banca está a limitar o acceso a esta vía de financiamento a moitas familias e, en especial, á xente nova.

Neste senso, o director de Estratexia e Sustentabilidade da Asociación Española de Banca (AEB), Juan Carlos del Rieu, confirma esa maior dificultade pola actitude "máis prudente" das entidades, ao tempo que cita "a deterioración do mercado laboral" e "unha taxa de temporalidade salvaxe" como outros condicionantes para o acceso ao crédito, ao que hai que sumar os impostos ligados ás operacións.

Comentarios