luns 25/10/21

As vendas de vivenda, disparadas en relación a antes da pandemia

Malia que o sector inmobiliario incide en que é o mercado do alugueiro o que máis crece nestes momentos no país, as transaccións de propiedades tamén pasan por un bo momento atendendo ás estatísticas oficiais. Só unha das sete grandes cidades galegas experimentou unha baixada con respecto ás cifras do ano pasado.
Unha vivenda en venta nun área rural semirural da comarca da Coruña. (Foto: Nós Diario) #vivenda #culleredo #comarcacoruñesa #inmobiliaria #ventas
Unha vivenda en venda nunha zona semirural da comarca da Coruña, esta mesma fin de semana. (Foto: Nós Diario)

Máis da metade dos concellos galegos rexistraron un incremento nas vendas no primeiro trimestre deste ano con respecto ao mesmo período de 2020, cando a pandemia irrompeu no país xa ao feche dese lapso temporal, no mes de marzo.

Xa se comezara a notar nalgúns ámbitos nada máis permitirse a saída do confinamento, pero agora as primeiras estatísticas oficiais nas que se pode comparar a última etapa prepandemia coa situación actual revelan que a mobilización económica arredor do mercado inmobiliario foi moi real e non unha simple reacción após o fechamento da poboación por semanas.

Un recente informe da área de Vivenda do Ministerio de Fomento do Goberno español amosa como entre os meses de xaneiro e marzo deste ano creceron os acordos para traspasar fogares en 160 dos concellos galegos. É así en relación ao inicio de 2020, antes do coronavirus.

Moitas das zonas son rurais e o movemento poboacional -ou a compra dunha segunda vivenda con máis espazo- non se limitou ao pasado exercicio senón que continúa neste.

Ademais, das sete grandes cidades da Galiza tan só en Ourense se detectou unha baixada. Así saíron do mercado pisos con terrazas pero tamén esas propiedades de tipo unifamiliar ou con xardín comunitario que estaban á venda. En consecuencia, como se pode observar por exemplo nos portais inmobiliarios de internet, ante a maior demanda tamén ascenderon os prezos.

Vigo, perto do centenar

Na Coruña, por exemplo, finalizáronse 587 operacións fronte ás 564 do ano pasado e ás 508 de hai cinco anos (en 2016). A remontada foi mellor incluso que pasada a recesión económica.

No municipio de Ferrol se rexistrou unha tendencia similar con 30 vendas máis que hai un ano e por riba das 70 en relación ao primeiro trimestre de 2016. En Compostela a suba tamén foi moi notábel, chegando aos 200 acordos dos que 152 foron sobre casas que estaban construídas.

En Lugo cambiaron de mans 228 vivendas cando hai un ano -no primeiro trimestre, pois o informe de Fomento vén de publicarse agora porque hai certa tardanza en recompilar os números- eran 187 as que tiñan esa sorte. No caso de Pontevedra o crecemento tamén abeirou as 30 transaccións mentres que en Vigo os acordos estiveron perto de superar o centenar con respecto ao período de referencia.

Tan só Ourense, a pesar de tratarse dunha zona rural experimentou unha caída de arredor de 20 compravendas, se ben aínda así o balance é positivo en relación a outros exercicios previos.

Máis bens antigos malia o aumento da construción

Entre as localidades nas que se notificaron máis vendas están aquelas pertencentes ás áreas metropolitanas das urbes. Porén, tamén viviron un boom vendedor (en relación aos datos habituais) municipios como Cee, Carballo, Valdoviño, Burela, Foz, Friol, Monforte, Vilalba, O Barco de Valdeorras, Laza, A Rúa, Baiona, A Guarda, Gondomar ou Redondela, entre outros.

A maioría dos bens que atoparon compradoras son cunha antigüidade de máis de cinco anos, estiveran ou non habitados. A pesar de que a construción foi en aumento, apenas houbo obras rematadas a principios de 2021, nin de casas novas nin, moito menos, de fogares protexidos.

Isto sucedeu nun contexto no que, segundo a patronal inmobiliaria, a aposta segura está no alugueiro, especialmente no vacacional.

comentarios