Industrias lácteas aproveitan a renovación dos contratos para baixar o prezo entre 2 e 4 céntimos

A Fruga pide á Consellaría de Medio Rural que poña en marcha a Mesa de Interlocución Láctea da Galiza.

Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca  de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

As renovacións do mes de abril e os novos contratos de compra ás explotacións leiteiras galegas están a chegar con malas novas. Isto é o que denuncia a Federación Rural Galega (Fruga), que afirma que “as propostas de contratos levan consigo unha baixa que varia de entre 2 céntimos a 4 céntimos por litro, dependendo da empresa”

A Fruga ten claro que estamos perante “unha baixada que en ningún caso é xustificada, e que vai supor dificultades para moitas gandarías galegas, especialmente para as explotacións mais intensivas, tendo en conta que calquera baixada no prezo do leite nestas granxas supón unha importante mingua dos ingresos”.

Esta baixada, afirma a organización agraria, non se leva adiante en base as variacións que se poden dar nos custos de produción, senón que deriva principalmente de cuestións de mercado.

“As variacións nos prezos, neste caso cara abaixo, responden única e exclusivamente aos intereses das propias industrias e a operacións especulativas no mercado mundial cos derivados lácteos e o leite spot”, manifesta nun comunicado de prensa.

“Indefensión”

Perante esta situación, a Federación Rural Galega alrta da “indefensión que padecemos os gandeiros e gandeiras galegas”. As empresas recolledoras envían o contrato á explotación a través dos e das transportistas das cisternas recolledoras, “e non che queda mais remedio que asinalo, ou do contrario paran de recoller o leite. As explotacións lácteas, non temos ningunha capacidade de negociación, e como consecuencia padecemos en primeira persoa as oscilacións que se aplican nos prezos”, denuncia a Fruga.

“Levamos moito tempo falando da lei da Cadea Alimentaria, que non é nin mais nin menos que unha declaración de intencións, xa que os seus efectos reguladores no prezo do leite son nulos, non existen. Os prezos fíxanse en base aos mercados especulativos, e nunca en base aos custos de produción, sen valer para nada calquera lexislación aprobada polo Ministerio de Agricultura”.

“As administracións, neste caso, miran para outro lado, e desde Fruga exiximos á Consellaría do Medio Rural que poña en marcha a mesa do leite, un órgano de dialogo que ten que servir para tomar medidas en momentos como este. Aínda que o propio conselleiro se encargou de pórse a medalla cando houbo subas nos prezos, o lóxico é que dea a cara en momentos nos que se producen importantes baixadas, que de feito xa vimos arrastrando nas últimas renovacións contractuais”.

Por iso, a organización considera que é preciso por en marcha a Mesa de Interlocución Láctea da Galiza, como órgano de dialogo, no cal se intente aplicar a lexislación.

Comentarios