A industria anticipa que nos próximos dez anos fecharán 3.000 granxas de leite

As organizacións agrarias alertan do impacto dos feches no rural.
Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Vacas nunha gandaría de lácteo de Sabadelle, en Chantada (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

En dez anos, 3.000 explotacións gandeiras de produción de leite menos. Esta é a previsión que manexa a industria láctea galega para a vindeira década, unha desaparición progresiva de granxas que, porén, apuntan, non afectaría á produción. A previsión expúxose por representantes da industria no II Foro Empresarial Lácteo Retos das ganderías de leite no horizonte 2030, que vén de decorrer en Coristanco, na comarca de Bergantiños e que recolle Campo Galego: entre 2.500 e 3.000 explotacións menos, mais as que fiquen serán máis eficientes e con maior capacidade produtiva.

Para as organizacións agrarias, este escenario é preocupante polas derivadas que implica, "non só para o rural, senón para o conxunto da Galiza". Asumir que nun período de menos dunha década poidan desaparecer a metade das granxas leiteiras galegas é, en palabras de Manuel Dacal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga) a Nós Diario, "un erro".

Para Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego (SLG), é "preocupante" que as industrias na Galiza se centren na importancia de manter a produción de leite independentemente do número de explotacións. "Sería un desastre asumir ese fechamento de granxas, que son elementos chaves para o rural, para manter poboación, para preservar o territorio...", apunta a gandeira a Nós Diario.

Pinga a pinga

O certo é que unha mirada a estes anos precedentes non convidan ao optimismo. En 2023 botaron o fechamento un total de 362 explotacións na Galiza e en 2022 fixérono 344.

Este ano, 2024, principiou con 5.600 granxas operativas, mais finalizará, con sorte en vista da tendencia de todos estes exercicios pasados, con 5.300. Avellentamento dos titulares das explotacións sen posibilidade de relevo xeracional, aumento dos custos, escaseza de base territorial, os prezos que se pagan aos produtores continúan a ser os máis baixos do Estado... son algúns dos factores para explicar este contagotas de feches. Vilaba apunta, tamén, que "a industria non tivo nunca unha acción minimamente estruturada, un plan de futuro" para o sector produtor galego. "Mentres se manteña a produción, que fechen granxas tanto ten", advirte.

Prezos

O ano 2023 puxo o ramo cun prezo medio de 49,5 céntimos por litro de leite pagado a gandeiros e gandeiras da Galiza. É a cifra máis baixa de todo o Estado español, e Galiza é o único territorio que non alcanza os 50 céntimos. O prezo que se paga ás explotacións galegas fica a case tres céntimos dos 52,1 céntimos de media no Estado. A cifra galega contrasta, por exemplo, cos 54,2 céntimos por litro que se abonan na veciña Asturias.

Os produtores e produtoras galegas sufriron unha caída no último ano de case 10 céntimos a respecto dos 58,6 céntimos que cobraban ao remate de 2022. 

Estes rexistros contrastan, porén, coas cifras de produción, pois Galiza segue a ser o piar que sustenta o sector leiteiro estatal. No global de entregas, Galiza alcanzou os 3 millóns de toneladas de leite o pasado ano, o que representa catro de cada dez litros (41%) do total do Estado español.


"Imos en dirección contraria á que tiñamos que ir"

Manuel Dacal considera que un escenario de cada vez menos explotacións e unha produción maior é "ir en dirección contraria á que tiñamos que ir". Explica que, "precisamente", as recomendacións que se dan desde o Pacto Verde, PAC, etc.. é a de ir cara a explotacións cun uso máis racional da superficie e integradas no entorno e medio ambiente. "Menos explotacións supoñen desertización do rural, concentrar a produción en pouco espazo territorial, unha agricultura cada vez máis intensa e industrial...".

Pola súa parte, Isabel Vilalba lamenta que desde a industria non se fagan estudios e análises de como van repercutir no sector aspectos como a perda de base territorial, a suba dos combustíbeis fósiles ou o cambio climático. "Só interesa producir máis leite".

Comentarios