Impostos e competencia desleal dificultan a continuidade da pesca

A Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi) realizou esta semana unha conferencia internacional de dúas xornadas para avaliar a situación do sector pesqueiro diante das novas propostas da Unión Europea e o cada vez máis salientábel lugar que ocupan consumidoras e consumidores nun mercado globalizado como o actual. 
Participantes na primeira xornada da conferencia internacional organizada pola Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi).
photo_camera Participantes na primeira xornada da conferencia internacional organizada pola Cooperativa de Armadores de Vigo (Foto: Arvi).

O sector pesqueiro galego segue a vivir con preocupación os cambios que se están producindo a nivel da Unión Europea e mundial. Quedou patente na conferencia internacional sobre o futuro da pesca que organizou a Cooperativa de Armadores de Vigo (Arvi) e que rematou esta terza feira na súa cidade.

A primeira das inquedanzas figuraba no propio nome do encontro, 'Level Playing Field' (terreo de xogo equitativo) e constataba toda unha demanda a modo de toque de atención cara ás autoridades da UE nun mercado que na actualidade está globalizado e no que interveñen países con lexislacións máis laxas.  

Nun dos relatorios do primeiro día, Daniel Voces, director xeral de Europêche, explicou que as diferenzas entre frotas comprometen a competencia entre elas, e non só cando se fala do sueste asiático, tamén entre os propios países da UE

Alertou de que, malia ser a actividade económica máis sustentábel e menos contaminante pola menor pegada de carbono -rebaixou un 48% as súas emisións-, a intención comunitaria, a través da estratexia Fit55 que procura a redución de emisións un 55%, é introducir un imposto mínimo ao gasóleo de 14 euros por cada cen litros de combustíbel. 

Sobre este tema, o director xeral de Ordenación Pesqueira, Ignacio Gandarias, expuxo que a postura do Goberno español era "continuar como está" agora, sen introducir novas medidas impositivas. 

Falta de equidade no mercado

Sobre a falta de equidade, Annina Bürgin, xerente da Fundación MarinnLeg, sinalou que pode chegar a poñer en perigo a propia pesca sostíbel. 

Puxo como exemplo as dificultades para cumprir as normas que teñen hoxe en día as embarcacións que traballan no Gran Sol e as facilidades doutras frotas, como a chinesa, que emprega cebo vivo nunha área do Senegal que está vedada para a frota da UE.

A falta de igualdade comeza antes mesmo de saír ao mar. José Ramón Regueira, director comercial do estaleiro Nodosa, aseguraba que entre os seus encargos había moitas diferenzas segundo o país que os realizaba e as dificultades para cumprir con toda a normativa. 

Regueira puxo como caso práctico un barco de Gran Sol que "hai 30 anos contaba con 38 metros de eslora, algo máis de oito de manga, 900 cabalos, adega para fresco e conxelado, depósito para 100.000 litros de gasóleo e espazo para 14 tripulantes" e que hoxe debería contar "con 1.800 cabalos, doce tripulantes e depósito de 140.000 litros". 

Etiquetaxe e información

A xornada final desta terza feira reflexionou sobre a imaxe que dan os produtos pesqueiros de cara ao seu consumo e a importancia que ten o seu coidado. 

Pedro Ferreira, director de Mercados Pesqueiros en Sustainable Fisheries Partnership (SFP), unha organización sen ánimo de lucro dos Estados Unidos de América que opera a nivel mundial para controlar a pesca sustentábel, explicou o aumento do consumo responsábel na gran distribución como consecuencia da presión dalgunhas ONG e as campañas de sensibilización que fixeron. 

"A axenda 2030 das Nacións Unidas seguirá guiando as políticas de abastecemento responsábel", advertiu, polo que terá que realizarse "máis comunicación para a consumidora ou o consumidor de como traballa cada empresa" e poder escoller. Alén diso, adiantou que "os dereitos humanos serán en breve un tema moito máis importante que o medio ambiental, do que xa temos ferramentas" polo que as seguintes medidas internacionais irán encamiñadas a protexer no seu traballo as persoas  en toda a cadea da pesca. 

As xornadas remataron cun debate sobre a situación da etiquetaxe e a visibilidade dos produtos do mar nos estabelecementos, singularmente nas grandes superficies, un panorama aínda non resolto.

Comentarios