O Parlamento galego sae en defensa do gasóleo subvencionado para a frota

Os tres grupos políticos, PP, BNG e PSdeG, piden a Xunta que inste o Goberno estatal a frear a prohibición de subvencionar o gasóleo para a frota.
barco mar mariñeiro pesca (Arxina)
photo_camera Un pesqueiro nunha xornada de traballo. (Foto: Arxina)

Defensa unánime do Parlamento galego aos intereses da flota galega de pesca. Os tres grupos con representación parlamentaria, PP, BNG e PSdeG, aprobaron esta terza feira por unanimidade unha proposición non de lei (PNL) para que a Xunta inste o Goberno estatal a "frear" a prohibición de subvencionar os custos do combustíbel da frota.

Así o acordaron as tres formacións no transcurso da reunión da comisión 8ª de Pesca e Marisqueo da cámara galega, na que se deu luz verde, sen modificacións, á proposta do PP de pedir á Xunta que demande ao Goberno de España que se manifeste ante a Unión Europea e a Organización Mundial do Comercio (OMC), en contra da proposta de prohibir determinadas subvencións á pesca.

Segundo recolle a PNL aprobada, Galiza asiste "con preocupación" ás negociacións, no marco da OMC, sobre determinadas medidas, como a prohibición dalgunhas subvencións á actividade pesqueira para evitar "supostamente" a sobreexplotación dos recursos.

No borrador do acordo determínase que as axudas para cubrir os custos do combustíbel, o xeo ou cebos dos barcos estarían entre as subvencións para eliminar, pero o PP sinalou que "Galiza rexeita a eliminación xeneralizada do combustíbel bonificado", unha medida "inxusta" que poría "en risco" a viabilidade da frota galega.

Respecto diso, subliñaron que o sector galego ten demostrado a súa "responsabilidade" e que, no canto de eliminar as subvencións, poden adoptarse "outras medidas" de eliminación da sobrepesca e de mellora de eficiencia enerxética das frotas.

Lea por Navantia

O Parlamento tamén aprobou nesta terza feira, desta vez só cos votos do PP, reprobar o Goberno español e a dirección de Navantia pola "sucesiva perda de grandes contratos internacionais durante os últimos tres anos", así como polo "fracaso á hora de atopar solucións para dotar de carga de traballo" o estaleiro ferrolán.

Desde a oposición, Ramón Fernández Alfonzo (BNG) cualificou a proposta de "despropósito". "Vostedes son Goberno galego con competencias", lembroulle á bancada do PP.

Pola súa banda, Martín Seco (PSdeG) indicou que a proposta mostra que a Xunta "non ten solucións ante os problemas industriais a pesar de ter todas as competencias".

Comentarios