mércores 27/10/21

O sector pesqueiro pide máis control das importacións co sueste asiático

A visita a Galiza de Virginijus Sinkeviciuis, comisario europeo de Pesca, Océanos e Medio Ambiente, serviu para escoitar, unha vez máis, a reivindicación do sector do mar e as súas problemáticas. A pouca fiscalización da entrada de peixe do sueste asiático na Unión Europea e a nova normativa de xeolocalización foron algúns dos temas que se abordaron.
O comisario europeo de Pesca, Océanos e Medio Ambiente da Unión Europea na reunión co sector en Vigo (Comisión Europea).
O comisario europeo de Pesca, Océanos e Medio Ambiente da Unión Europea na reunión co sector en Vigo (Comisión Europea).

comisario europeo de Pesca, Océanos e Medio Ambiente da Unión Europea, Virginijus Sinkevicius, escoitou este 20 de setembro, nunha reunión co sector na que participou tamén o ministro de Pesca, Luís Planas, as demandas do sector pesqueiro galego a través dos seus protagonistas. "Creo que non hai ningún tipo de dúbidas de que todos queremos protexer a biodiversidade e ter un rendemento sostíbel mais desde o punto de vista social ten un custo", sinalaba a Nós Diario Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Vigo pouco despois da xuntanza.

Apuntaba certa preocupación por "perder nos últimos 20 anos un 22% da nosa frota, como acontece no Gran Sol" e demandaba que "no mercado común europeo se traballe coas mesmas regras de xogo" sexan "medioambientais, económicas ou sociais". Por este motivo a principal demanda é "fiscalizar as importacións de produtos, sobre todo do sueste asiático, as normas sexan equivalentes á que se exixen en Europa para que non perdan competitividade as nosas empresas". 

Outra das problemáticas que xurdiron na xuntanza foi a modernización da frota galega. "Hai que ofertar barcos máis seguros e habitábeis para contar co necesario relevo xeracional", pedía Touza, "se facemos barcos novos ou ampliacións nos mesmos sen aumentar capacidade de pesca non deberían exixirnos os mesmo requisitos que se aumentamos produción", engadía. 

 Na reunión tratáronse, ademais, as demandas de visibilizar o papel da muller na pesca, o Brexit e os problemas con Noruega. "Ese país está a contravir os acordos internacionais  e entendemos que a Unión Europea (UE) debe empregar todos os mecanismos de tipo comercial e arancelario para que poidamos seguir faenando nesas augas". 

A situación da pesca artesanal

A pesca artesanal reivindicaba o seu papel diante do comisario europeo.  "Non vemos lóxico que non se nos teña en conta como unha organización de produtores (OP) nas decisións que nos afectan", explicaba a Nós Diario Antonio Pérez Sieira, presidente da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e Pescadoras, "cando somos modelos a seguir e copian de nós en xestión e comercialización ademais de representar á parte social, empresarial". Ademais defendían a súa postura contraria á norma de xeolocalizació.

Sinkevicius, polo  seu lado, apostaba, na rolda de prensa posterior á reunión, pola importancia de que houbera un certificado dixital de desembarco de capturas e incidiu en que a Comisión non está "para crear regras imposíbeis de aplicar". Após apuntar que "aínda falta bastante tempo" para a aplicación da medida, apuntoaba que se se estabelecen estes medios dixitais para rexistrar as capturas, "haberá que formar ao sector, financiar a dixitalización a bordo".

As confrarías non queren unha proba piloto

O rexeitamento desta normativa tamén centraba a asemblea da Federación Galega de Confraría de Pescadores, realizada este pasado sábado en Ames. Desta vez en presenza da Secretaria Xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, Alicia Villauriz, que tentaba convencer ao sector de que participaran no seu proxecto de dixitalización. 

Desde a Federación lembran "a tallante resposta do sector galego quedou patente nos dous paros de frota realizados este ano e nas múltiples reunións mantidas con representantes políticos e altos funcionarios" ademais de repetir "realizan un labor diario de control e inspección que é digna de exportar como fórmula de xestión do sector". Aseguran que non participarán en ningunha proba. "O que se pretende non é que non haxa control sobre o sector pesqueiro e marisqueiro, o que é prexudicial é que se  burocratice, remítanse datos duplicados, menosprezando o labor das confrarías".

comentarios