A hostalaría fai un balance "moi frouxo" da xornada de Reis

As restricións sanitarias provocaron que o sector tivese unha "mala facturación" durante as festas, que nalgúns casos foi "peor" que a do ano pasado.
O TSXG tombou o sábado a obriga de presentar un certificado Covid na hostalaría. Na imaxe, un estabelecemento de Compostela (Foto: Arxina).
photo_camera Imaxe de arquivo dun estabelecemento de Compostela (Foto: Arxina).

Representantes da hostalaría galega cualifican de "frouxa" a xornada de Reis, cunha facturación nas festas "peor" que as anteriores, segundo expuxeron en declaracións á axencia Europa Press.

Así o manifestaron tanto o presidente da Federación Galega de Hostalería, Cheché Real, como Lois Lopes, membro da Plataforma na Defensa da Hostalería Galega.

"A facturación depende da xente que entra nos negocios e gasta e non hai a afluencia de antes", sostén Cheché Real, que o vincula co medo polos contaxios, mais tamén por mor das persoas confinadas.

As restricións sanitarias minguan os ingresos da hostalaría

"O balance, moi frouxo", resume sobre estas festas e, en particular, sobre a xornada de Reis. En similares termos, pronúnciase Lois Lopes, quen asegura que houbo ocupación de mesas, mais dadas as restricións e a limitación de ocupantes "a facturación é mala".

"Peor que o ano pasado mesmo", sinala, en relación ás festas anteriores e aludindo tamén ao feito de que estas sexan unhas celebracións familiares, así como pola existencia de persoas confinadas ou de contaxios, algúns optasen por non reunirse ou reducir o número de membros.

A isto suma as limitacións por mesa: "Non é o mesmo separar mesas de doce que mesas de oito", apostila, sobre o menor número de comensais por esta circunstancia.

De feito, o sector hostaleiro galego perdeu arredor de 2.000 millóns de euros desde o inicio da pandemia, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE).

Comentarios