Hostaleiros piden un plan de axudas á Xunta ante a "incerteza" que padecen

"Hai algunha base científica que diga que unha persoa contaxia máis ás 2 da madrugada?", di Luis Diz, un dos representantes do sector do lecer nocturno.
Consumición na barra dun bar coruñés, no día en que se permitiu acceder a este espazo. (Foto: M. Dylan / Europa Press) #bar #restricións #hostalaría #comitéclínico
photo_camera Consumición na barra dun bar coruñés (Foto: M. Dylan / Europa Press).

Representantes do lecer nocturno e a hostalaría encaran o Día de Reis con "escasas expectativas" por mor das restricións impostas polo Goberno galego. "Estamos fartos desta situación, sinala Luis Diz, presidente de Galicia de Noite, quen afirma que algúns locales abrirán esa noite mentres outros non o farán por "medo" a perder axudas.

"Debido ás normas non se pode publicitar como noite de Reis", explica, sobre unha medida que considera "absurda" e un "ataque autoritario". "Se o fas, quedas fóra do paquete de axudas", lamenta.

Neste senso, afirma que "no sector algúns teñen medo de meter a zoca", e móstrase crítico con que se permita unha hora máis de apertura nas xornadas previas aos festivos para os locais de hostalaría, mentres no seu deben fechar ás 3 horas.

"Hai algunha base científica que diga que unha persoa contaxia máis ás 2 da madrugada?", cuestiona, vencellando este tipo de decisións como "unha discriminación máis" ao lecer nocturno.

"Desastre económico"

Na mesma liña apunta Lois Lopes, representante da Plataforma Galega en Defensa da Hostalaría, quen valora a ampliación de horario pero incide nas restricións coas que xa traballaba o sector.

"As festas remataron o 1 de decembro. Ninguén fala dun plan de axudas que poida paliar o desastre económico", salienta.

"Menos clientes"

"Saturados", sostén, á súa vez, o presidente da Federación Galega de Hostalaría, Cheché Real, quen asegura que hai "medo" ou "respecto" por parte das e dos clientes ante a incidencia de contaxios.

A respecto das axudas, alude á necesidade de abordar esta cuestión a nivel estatal, a través das organizacións deste ámbito, mais admite que ao sector "fáltalle liquidez" e "afluencia de público". De seguir así a situación, cre que contra o 15 de febreiro cumpriría aprobar un plan de axudas.

Comentarios