Núñez Feixoo confía a terceiros as súas solucións para o sector da hostalaría

Após unha semana sen actividade pola decisión da Xunta de fechar a hostalaría, o sector agarda por medidas para compensar a dura decisión do Executivo de Núñez Feixoo. Moitos concellos anunciaron xa a exención do pago da taxa de terrazas, mais as medidas do Goberno galego poden chegar tarde de máis. 
Un home pasa diante dunha terraza recollida en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).
photo_camera Un home pasa diante dunha terraza recollida en Compostela (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press).

Só levan unha semana fechados e aínda teñen que aguantar até que se faga o mes, e sempre pendentes da evolución da pandemia. Esta é a situación de moitos negocios de hostalaría da Galiza, que ven como o seu medio de vida desaparece por culpa das medidas restritivas adoptadas pola Xunta para conter a evolución do coronavirus. 

A situación é crítica para moitos destes negocios, que non por fechar deixan de asumir gastos, como o alugueiro do local, os consumos de luz e gas ou os acordos con provedores. Algúns concellos, como os de Compostela ou A Coruña, decidiron suspender o cobro da taxa de terrazas a estes estabelecementos, unha pequena axuda á espera de que cheguen os cartos prometidos polo Executivo de Núñez Feixoo.

Galiza está entre os territorios que optaron por obrigar a hostalaría a fechar. Outros, como Madrid, tamén gobernado polo Partido Popular e cunha incidencia do virus moito maior, optaron por restrinxir a súa operatividade, pero deixando que puidesen abrir durante determinadas horas do día respectando certas limitacións de capacidade. 

Moitas das persoas que viven do sector no país son autónomas, un colectivo que xa na primeira vaga da pandemia padeceu a falta de axudas por parte da Administración galega, que foi das poucas que non saíu ao rescate destas traballadoras.

Axudas que non chegan

Agora, o Executivo de Núñez Feixoo promete axudas de entre 2.200 euros e 7.000 euros para os empresarios e as empresarias afectadas polas restricións impostas en 60 concellos, entre eles as sete grandes cidades. Cantidades que, por outra banda, en moitos dos casos non dan nin para cubrir os gastos do alugueiro do local. Non falamos xa dos custos laborais de aqueles negocios que teñen varias persoas ao seu cargo. 

Son en total 12 millóns de euros, menos da metade dos 30 millóns que fixa como mínimo o sector para compensar os fechamentos, que lembra que en territorios como Euskadi e Murcia, con menos poboación, as axudas ascenden a 45 e 38 millóns, respectivamente. E iso en canto aos negocios, xa que despois están as obrigas familiares de cada quen, que quedan desatendidas pola falta de ingresos.

De momento, as axudas anunciadas pola Xunta non foron publicadas no Diario Oficial da Galiza (DOG), mais o Executivo promete que se farán oficiais antes de que remate o mes. Considera que son "suficientes". Aínda así, piden axuda a outras administracións para emendar un problema que eles mesmos crearon, como ao Goberno español, ao que solicitan unha redución do IVE para o sector.

Nesta liña, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, suxería esta mesma semana "fixar a atención nos impostos municipais". Así, indicou que mentres outros impostos teñen en conta os ingresos, moitas taxas municipais "non teñen relación" con estes, polo que "aí hai marxe para axudar", dixo descargando a responsabilidade nos entes locais.  

Por un verdadeiro rescate

Desde a oposición, o BNG lembrou que as axudas "deixan fóra 75% dos locais", polo que pediu actuar "de maneira áxil e coordinada". "Queremos que as medidas se recollan no DOG, que as axudas cheguen xa, porque hai miles de familias en situación desesperada e está en xogo un sector do que dependen moitos empregos", sostivo en sede parlamentaria a súa portavoz nacional, Ana Pontón, que recomendou a Feixoo "tomar nota" do que fan noutros países, como Alemaña, onde "o mesmo día" que se decreta o fechamento da hostalaría anúnciase unha compensación de 75% das ganancias rexistradas polos hostaleiros o exercicio pasado. "Permitiría que moitos negocios se mantivesen en pé", argumentou.

Na mesma liña, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, criticou que as medidas anunciadas pola Xunta para apoiar o sector chegan "tarde, mal e arrastro". "Na Galiza, a día de hoxe, nin un só negocio recibiu as axudas directas que Feixoo anunciou", sostivo o socialista, que lembrou como noutros territorios si puxeron en marcha estas medidas.

E mentres as persoas afectadas seguirán coas protestas. Esta terza feira está prevista unha gran mobilización a nivel galego para reclamar o seu dereito a "traballar con normalidade", sobre todo agora que algúns destes concellos van saíndo da situación de 'alerta vermella' pola evolución dos contaxios.

Comparten a idea de que as axudas son "claramente insuficientes" e exixen á Xunta "que se implique seriamente nisto" e que deseñe un auténtico rescate ao sector para que sobreviva aos impactos dos coronavirus.

Portugal cobre 20% das perdas do sector

En Portugal, o Goberno luso é moito máis sensíbel co sector que o galego. Alí o Executivo vén de restrinxir a actividade dos negocios de hostalaría as fins de semana, obrigándolles a fechar entre as 13 horas e as 8 do día seguinte nos municipios de maior risco, ao igual que o resto de negocios. "Todo fechado", insistiu o primeiro ministro António Costa.

Porén, esta decisión vén acompañada dunha liña de axudas que permitirá aos estabelecementos hostaleiros recuperar 20% das súas perdas das dúas próximas fins de semana, unha medida equitativa que se baseará nos ingresos medios dos 44 fins de semana anteriores e nun "compromiso de honra" dos propietarios dos negocios. O resto da semana, os bares, restaurantes e cafetarías poden abrir as súas portas con normalidade até as 22.30 horas. Entran cartos polas súas portas, cousa que na Galiza xa non acontece.

Comentarios