Os gastos continúan mais non hai ingresos, clama a hostalaría

Hoxe leváronse a cabo senllas concentracións de profesionais do sector nas cidades de Lugo e de Ferrol para demandar axudas económicas que lles permitan superar a actual situación.
hostaleiros_lugo
photo_camera Concentración de hostaleiros lucenses fronte á Subdelegación do Goberno español na cidade (Foto: Europa Press)

A hostalaría está a ser un dos sectores económicos máis golpeados pola crise sanitaria, se non o que máis. A maiores do primeiro confinamento total e xeneralizado da pasada primavera en todo o Estado, únese agora a clausura decretada pola Xunta para estes locais en 60 concellos do país desde o pasado sábado até ─inicialmente─ o vindeiro 4 de decembro. O malestar vai en aumento.

Hoxe, máis dun cento de profesionais da hostalaría de Lugo realizaron unha protesta fronte á Subdelegación do Goberno español, onde chamaron a "salvar" o sector ante esta complicada situación que atravesa. 

"Salvemos a hostalaría, o noso feche é a morte da cadea de valor do sector", era o lema da pancarta principal. Ademais, coreáronse algunhas consignas como "Queremos traballar" e "Se isto non se amaña, caña, caña, caña".

O presidente deste sector en Lugo, Cheché Real, avanzou que segundo teñen previsto "as mobilizacións van seguir porque a hostalaría continúa fechada, continúa con restricións e con limitacións".

Real avisou de que "xa non se trata de axudas", senón dun "plan de rescate" a nivel estatal. "É o que solicitamos con esta concentración, que está auspiciada desde Hostalaría de España", a patronal do sector, nunhas mobilizacións que ─asegurou─ se reproducen por todas as cidades do Estado.

Pagamento de impostos

Sobre o tema da insubmisión fiscal, recorrente estes días entre os profesionais do sector, Real dixo que "virá dada por si mesma porque non se pode pagar se non che deixan ingresar". "Isto é inaguantábel porque non tes liquidez", razoou.

Ademais, lamentou que se a situación é "preocupante" para a hostalaría, "peor" é o escenario para o "lecer nocturno".

"Se estamos nunha situación agónica, desesperada, o lecer nocturno, que leva sen abrir seis meses, como van poder facer fronte ao pagamento de alugueiros, seguridade social, IRPF ou taxas? Ou que non te pillase con investimentos e ter que pagar hipotecas", expuxo o representante dos hostaleiros lucenses.

Ao final da concentración, os participantes entregaron un escrito á subdelegada do Goberno español en Lugo, Isabel Rodríguez, co contido das reivindicacións, apoiadas polo secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo, Jaime López. Nesta protesta participaron representantes do PP e de Ciudadanos no Concello, malia que moitas das críticas do sector poñen o foco no Goberno galego, presidido polo popular Alberto Núñez Feixoo.

"Xa se está a ver que hai fame en moitas familias"

Tamén en Ferrol se levou a cabo unha concentración duns 200 profesionais da hostalaría e do pequeno comercio. Fixérono na Praza de Armas. 

Alí, o presidente da Asociación de Empresarios da Hostalaría de Ferrol e Comarcas, Emilio Vázquez, alertou de que "xa se está a ver que hai fame en moitas familias que dependen dos estabelecementos de hostalaría, tanto en propietarios como en empregados". Isto dáse, sostivo, porque continúa a haber "atrasos á hora de cobrar o ERTE".

"Ferrol ─lembrou─ xa vén dunha crise constante". "Vemos como se vai apagando, imos perdendo poboación, sen recuperar actividade, e vai motivar que moitos negocios xa non volvan abrir máis", lamentou.

Comentarios