Un grupo industrial valenciano compra a antiga planta de Alcoa na Coruña

alu iberica alcoa (Europa Press)
photo_camera A factoría coruñesa (Europa Press)

Grupo Industrial Riesgo, con sede central en Valencia, adquiriu a maior parte do paquete accionarial de Alu Ibérica, a nova propietaria das antigas plantas de Alcoa na Coruña e Avilés (Asturias), co obxectivo de impulsar a actividade destas instalacións industriais.

Nun comunicado, Alu Ibérica sinala que Parter Capital, o fondo de investimento suízo que adquiriu estas plantas a Alcoa para asegurar o futuro da súa actividade após a retirada da multinacional estadounidense produtora de aluminio, decidiu integrar a Grupo Industrial Riesgo como socio "estratéxico".

Esta entrada no capital levouse a cabo a través do seu vehículo de investimento System Capital Management, coa intención de elaborar un novo plan de desenvolvemento a longo prazo, que inclúe accións inmediatas no campo dos investimentos que necesitan estas plantas de produción.

A idea deste conglomerado de empresas é, afirman, reindustrializar ambas as dúas plantas, asegurando que o seu obxectivo é garantir o mantemento de todos os postos de traballo.

A finais do pasado mes de marzo, o grupo decidiu paralizar a súa produción de aluminio nestas instalacións, en resposta ao decreto aprobado polo Goberno que ordena o peche de toda actividade non esencial para evitar a propagación do coronavirus.

No entanto, Alu Ibérica retomou a pasada sexta feira a actividade para volver operar con normalidade, aínda que "seguindo un estrito protocolo de prevención e minimizando o número de persoal nas fábricas".

.

Comentarios