As plantas de Alcoa na Coruña e Avilés pasan a mans de Parter Capital

O fondo suízo presentou no día en que remataba o prazo os 27 millóns de euros en avais que demandaba a multinacional alumineira para fechar o acordo. O novo nome das factorías pasa a ser 'Alu Iberia'.

manifestación Alcoa
photo_camera Mobilización na Coruña na defensa de Alcoa.

Desde esta quinta feira, 1 de agosto, as factorías de Alcoa na Coruña e Avilés pasarán a ser do fondo suízo Parter Capital, que xa decidiu que terán un novo nome: Alu Iberia. Este 31 de xullo, derradeiro día para facelo, o fondo presentou os avais por 27 millóns de euros que pedía Alcoa por estas plantas para fechar o acordo.

Evítase así o fechamento das plantas e o despedimento de 700 traballadores e traballadoras mais fica “moito por facer”, como indican desde o comité de empresa da factoría coruñesa. Por exemplo, lograr un estatuto para a industria electrointensiva que evite que os custos en electricidade sexan tan altos.

A propia ministra de Industria, Reyes Maroto, foi quen comunicou a noticia do acordo após a xuntanza da comisión de seguimento. “É un día para a satisfacción e a esperanza”, dixo.

Alcoa anunciou o pasado 17 de outubro o feche definitivo destas plantas na Coruña e Avilés alegando que non eran competitivas e acumulaban perdas.
 

Comentarios