As granxas galegas deixaron de ingresar 82 millóns de euros desde abril pola crise do leite

O Sindicato Labrego Galego afirma que peran te un escenario como ese os 16 millóns en axudas que se establecen para o sector de Galiza son “insuficientes”.

[Imaxe: @vilagz]
photo_camera [Imaxe: @vilagz]

As granxas de leite galegas deixaron de ingresar 47 millóns de euros durante os meses de abril, a xullo; os mesmos meses que se toman como referencia para calcular as axudas. “Se ampliamos o período dende abril até a actualidade, as perdas elévanse a 82 millóns de euros”. Son cálculos do Sindicato Labrego Galego realizados a partir de datos do Ministerio de Agricultura. “Os produtores e produtoras de leite na Galiza perderon case 12 millóns de euros por mes”, resume o sindicato.

Á vista destes datos, explican, o orzamento para dotar a axuda 'de minimis' ofrecida polo Ministerio de Agricultura para as granxas leiteiras que menos perciben polo leite é “absolutamente insuficiente, xa que só hai consignados 20 millóns de euros, dos cales, segundo o propio Ministerio, o 80% (16 millóns) serán para as granxas galegas”.

O orzamento para dotar a axuda 'de minimis' ofrecida polo Ministerio de Agricultura para as granxas leiteiras que menos perciben polo leite é “absolutamente insuficiente"

O Ministerio de Agricultura nin sequera cumpre as axudas prometidas no BOE, afirma o sindicato, que consisten en dar 300 euros por vaca a aquelas explotacións que cobrasen por baixo dos 0,259 euros no segundo cuadrimestre de 2015, e de 110 euros por vaca para as que ingresasen menos de 0,285 euros por litro. “En ambos casos, o tope a cobrar está fixado no BOE en 10.000 euros. Sen embargo, tras comprobar a listaxe de persoas beneficiadas, descubrimos que as de maior intensidade de axuda están a cobrar 233 euros por vaca, cando en teoría deberían cobrar 300; e 85,40 euros ás que deberían cobrar 110.”

"Fracaso do acordo lácteo"

Diante deste escenario e “do manifesto fracaso do acordo lácteo”, dende o Sindicato Labrego Galego instan “o Ministerio de Agricultura a convocar de novo a tódolos axentes do sector para retomar as negociacións de cara a buscar fórmulas que nos permitan chegar a un acordo que contemple prezos dignos e remuneradores para os produtores e as produtoras”.

Comentarios