O dilema dos gandeiros galegos: producen 41% do leite do Estado e cobran o prezo máis baixo

Varias organizacións do sector urxen medidas á Xunta para reverter esta situación que prexudica a gandaría galega, un país que perdeu case 100.000 explotacións leiteiras desde a entrada na daquela Comunidade Económica Europea hai case catro décadas.
O litro de leite galego pagouse en agosto a apenas 0,476 euros.  Na imaxe, unha explotación gandeira en Sabadelle, Chantada. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera O litro de leite galego pagouse en agosto a apenas 0,476 euros. Na imaxe, unha explotación gandeira en Sabadelle, Chantada. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os últimos datos achegados polo Ministerio de Agricultura constatan a indubidábel boa saúde e relevancia da que goza o sector lácteo galego, que ao longo de 2022 produciu máis de 2,7 millóns de toneladas de leite. Ou, o que é o mesmo, nada menos que 41% do total producido no conxunto do Estado español. Unha cifra que se achega á metade e que triplica a do seu inmediato perseguidor, Castela e León (13%), pero que non se ve correspondida, malia a gran calidade do produto galego, nas rendas que perciben as e os gandeiros.

O pasado mes de agosto —dato máis actual— o litro de leite cru galego pagouse en orixe a 0,476 euros, tres céntimos por baixo da media estatal (0,503 euros) e até trece menos que o leite canario, que cotiza a 0,6 euros. En Catalunya e Euskadi —que en 2022 produciu menos de 2% do total— os gandeiros reciben máis de 0,53 euros por litro.

Na Galiza estes datos, que non resultan unha novidade e que se suman á denuncia de Unións Agrarias de que o xigante Capsa pagaría máis aos gandeiros asturianos que aos galegos, manteñen o sector en pé de guerra e urxindo solucións. A pasada terza feira representantes de diferentes organizacións agrarias e da Consellaría do Medio Rural abordaron esta e outras problemáticas que axexan o sector, como o inzamento —polo de agora moderado— de casos de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE), a coñecida como 'Covid das vacas', ou a praga de vermes que afecta prados e cultivos. E, especialmente, as "políticas agresivas de prezos" e "estratexias de coacción" das grandes compañías lácteas.

Fontes do Sindicato Labrego Galego (SLG) e da Federación Rural Galega (Fruga) aseguran que a Xunta ve tamén "intolerábel" a precaria situación do leite galego, mais lamentan a falta de "medidas concretas contra as industrias que lideran a destrución da cadea de valor no leite". Isabel Vilalba, secretaria xeral do SLG, censurou que a Consellaría insista en "recomendar as negociacións coas industrias", pois estas teñen "capacidade de impor os prezos" e, dado que "non dan ferramentas aos gandeiros para defenderse", tampouco teñen "necesidade de aceptar ningunha negociación".

Tamén censurou que o actual modelo de confección de prezos permite "que as industrias impoñan unilateralmente condicións inaceptábeis desde o punto de vista da viabilidade económica das granxas", e que as gandeiras e gandeiros están a verse obrigados a aceptar "ante a inexistencia do estabelecemento de indicadores oficiais por parte da Administración, así como do seu tradicional desleixo á hora de seguir e sancionar as prácticas abusivas das industrias lácteas na cadea de produción".

Outra das propostas de Medio Rural foi acudir á Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), algo que Manuel da Cal, coordinador xeral da Fruga, non considera de demasiada utilidade, pois é "un organismo ultraneoliberal" que o que busca é, precisamente, "que haxa ese diferencial nos prezos". Para Da Cal é importante tamén recuperar a 'Mesa do leite', un espazo de negociación no que estaban representados industria e produtores e que "o PP suprimiu cando recuperou a Xunta após o Goberno bipartito —de PSdeG e BNG—".

Case 100.000 explotacións menos en catro décadas

Galiza perdeu 94.176 granxas de leite desde a súa integración no espazo comunitario, pasando de arredor de 100.000 en 1985 a só 5.824 en xullo de 2023.Neste senso, no período comprendido entre 1995 e 2023 perdéronse 64.176 explotacións lácteas, até o punto de que só entre xaneiro e xullo deste ano botaron a cancela 324 explotacións lácteas, sendo maior o impacto naquelas explotacións cun número máis reducido de cabezas de vacún.

Comentarios