Unións Agrarias denunciará que non se cumpre a lei de cadea alimentaria

As granxas galegas cobran 10 céntimos menos por litro de leite no que vai de ano. O sindicato afirma que denunciarán ante a Axencia de Información e Control de Alimentos (AICA) e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) esta situación.
Granxa de leite (Foto: Nós Diario).
photo_camera Granxa de leite. (Foto: Nós Diario)

Representantes de Unións Agrarias (UUAA) anunciaron onte que denunciarán ante a Axencia de Información e Control de Alimentos (AICA) e a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) o incumprimento da Lei de Cadea Alimentaria, a falta de negociación e a imposición total dos prezos do leite. Ademais, exixiron á Xunta da Galiza algúns "mecanismos" para frear a "baixada" que a industria abona ao produtor. 

O responsábel da área de sector lácteo deste sindicato, Óscar Pose, asegurou nunha comparecencia que “falta negociación” e denunciou a "imposición de prezos" e o feche de explotacións no actual contexto.

"Un produtor galego está a cobrar menos que un asturiano", manifestou, á súa vez, o secretario de Coordinación Sectorial e Área Externa de Unións Agrarias, Félix Porto, quen confirmou que iniciarán unha recollida de firmas para "sensibilizar a opinión pública" e exixir ao Goberno galego que poña en marcha "mecanismos para evitar a discriminación por razón de localización".

En rolda de prensa, ambos denunciaron a ausencia de "negociación" coas explotacións para fixar os prezos e advertiron que os novos contratos para o leite, que durarán catro meses até decembro, supoñen a perda para o sector a nivel galego "de 200 millóns de euros".

Baixada de 10 céntimos

"En total, hai unha baixada de 10 céntimos no que vai de ano", apuntou Pose, quen aludiu, mentres, a un aumento dos custos de produción pola situación do prezo do cereal.

Fronte a isto, o sindicalista denunciou a "pasividade total" das administracións cando, apostilou, o prezo de venda ao público "non baixou, subiu 32 céntimos de media e segue igual". 

Comentarios