Industrias lácteas “coaccionan” as granxas para baixar o prezo do leite

O SLG anuncia unha campaña informativa e de denuncias dirixidas contra as empresas que abandeiran as baixadas

Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca  de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera Dúas mulleres traballan muxindo as vacas nunha explotación leiteira de Friol, na comarca de Lugo (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

A Dirección Nacional do Leite do Sindicato Labrego Galego (SLG) anunciou esta terza feira o inicio dunha campaña informativa e de denuncias dirixidas contra as empresas que abandeiran baixadas no prezo do leite. Da mesma maneira, anunciaron que esta semana manterán xuntanzas cos grupos do Parlamento galego a fin de trasladar polo miúdo as “prácticas abusivas” das industrias lácteas.

Como denunciou o sindicato a semana pasada, estes días están chegando ás granxas de leite propostas de prezo con baixadas importantes respecto ao que se está a cobrar nestes momentos. Desde o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas fan un seguimento polo miúdo desta “estratexia de presión” operada polas industrias lácteas, a través da cal procuran “aumentar inxustificadamente” a súa marxe de beneficios nun contexto comercial no que “non se produciron baixadas de prezo ás persoas consumidoras, non existe un aumento da produción suficiente para influír na demanda, nin unha baixada do consumo e, a maiores, a prórroga da supresión do IVE do leite está a privar de certa liquidez ás granxas”.

Esta situación de “coacción” ás gandeiras e gandeiros estase agravando, segundo denuncia o SLG, coa “chantaxe” que algunhas industrias están a realizar cos propios contratos. Lonxe de respectar a obriga vixente desde o 30 de xuño de inscribilos no rexistro de contratos na Axencia de Información e Control Alimentarios (AICA) antes da súa entrada en vigor, están a comunicar por escrito ás granxas que “no caso de non asinar os contratos e entregar o leite asumen a aceptación automática da Proposta de Contrato ofertada pola industria”.

O Sindicato Labrego Galego xa procedeu a denunciar esta práctica na AICA, dependente do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), xa que consideran que “non é un método válido para dar por aceptada a relación contractual”.

Ao longo desta semana gandeiras e gandeiros do SLG manterán xuntanzas con representantes dos grupos parlamentares da Galiza a fin de trasladar polo miúdo as claves do desequilibrio de forzas que está a condicionar a produción láctea impactando, unha vez máis, no elo máis débil da cadea: as granxas.

Asemade, esta cuarta feira, 5 de xullo, a Dirección do Leite do SLG reunirase na Estrada (Terra de Montes) para valorar dar inicio a “accións de denuncia pública que poñan o foco nas industrias que abandeiran esta baixada” sinalando as súas marcas comerciais, e informando ás persoas consumidoras para visibilizar que “parte da distribución está a quedar cas marxes de beneficios”.

Beneficios “articulados” en base á normativa

Desde o SLG defenden o estabelecemento de prezos “de abaixo cara arriba”, que tomen como punto de partida os custos de produción e a remuneración do traballo da base da cadea produtiva, as gandeiras e gandeiros, e que os beneficios ao longo da cadea sexan “articulados, como en calquera eido profesional, en base ao respecto da normativa a aplicar”.

Neste caso, cando menos, a Lei da Cadea Alimentaria, que “de contar ca vontade da Xunta da Galiza e o Ministerio para a súa aplicación, debería ter impedido estratexias colectivas de baixada de prezo como as que as industrias lácteas nos están a impoñer arestora”.

Comentarios