Galiza fica entre as dúas únicas autonomías excluídas das axudas para producir biogás

O Goberno estatal destina 76,5 millóns de euros á xeración do combustíbel.
Cantidade de proxectos de biogás subvencionados en cada autonomía e contía total das axudas en cada un destes territorios (Foto: Miteco / Nós Diario).
photo_camera Cantidade de proxectos de biogás subvencionados en cada autonomía e contía total das axudas en cada un destes territorios (Foto: Miteco / Nós Diario).

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miteco) do Estado español resolveu de forma definitiva a primeira convocatoria de apoio a proxectos de instalacións singulares de biogás, coa adxudicación de axudas por un importe de 76,5 millóns de euros. Porén, a Galiza, xunto á Rioxa, foi unha das dúas únicas autonomías que ficaron fóra dos investimentos.

Catalunya (27) acolle o maior número de propostas seleccionadas, seguida de Aragón (11) e de Andalucía (9). Dada a natureza da convocatoria e a súa vinculación directa coa actividade do sector primario, os criterios de selección dos proxectos ponderaron, ademais do seu rigor técnico e grao de innovación, a localización en zonas de Transición Xusta e Reto Demográfico. Así, do total das axudas propostas, máis da metade, 42,1 millóns, concédense a iniciativas localizadas nestes territorios.

De forma paradoxal, a Galiza, cun peso significativo do sector primario e con zonas afectadas pola desindustrialización e o despoboamento, foi precisamente unha das áreas excluídas destas axudas para o desenvolvemento de proxectos de biogás.

En concreto, as axudas do Plan de recuperación, transformación e resiliencia (PRTR), financiado con fondos Next Generation da Unión Europea (UE), serán recibidas polas 81 propostas que alcanzaron a mellor valoración por parte da Administración do Estado e que corresponden a un investimento proxectado de 475,5 millóns de euros e cunha potencia total a instalar de 188,3 megawatts (MW), segundo informou esta quinta feira o Miteco.

Emprego dos lodos 

A Galiza contaba cun alto potencial para aproveitar estas axudas, posto que os proxectos seleccionados parten do tratamento de lodos de depuradoras, residuos agropecuarios ou da industria agroalimentaria, todos eles sectores de importancia no país.

Os gases de orixe renovábel forman parte do plan estatal para alcanzar a neutralidade climática en 2050 e contribuír a cumprir os obxectivos de redución de emisións e de penetración de enerxías renovábeis propostos para 2030, recollidos no Plan nacional integrado de enerxía e clima 2021-2030 (Pniec).

Segundo o Pniec, en ámbitos como o transporte, o biogás axudará a alcanzar o obxectivo de 28% de enerxías renovábeis no sector a nivel estatal. Non obstante, a Galiza perde a oportunidade, nesta primeira convocatoria, de desenvolver unha industria que axudaría a crear emprego en futuras plantas de produción.

Así mesmo, sinala o Pniec, o biometano producido a partir de biogás pode desprazar gradualmente o gas natural de orixe fósil, especialmente en aplicacións de alto consumo enerxético ou dificilmente electrificábeis como o transporte pesado ou a industria intensiva en uso de enerxía térmica, polo que se trataría dun ámbito estratéxico para a Galiza.

Co fin de identificar todos estes retos e oportunidades no Estado español, o Consello de Ministros e Ministras aprobou en marzo de 2022 a folla de ruta do biogás, que prevé multiplicar por 3,8 a produción actual de biogás até 2030, reforzar a economía circular e fixar poboación no ámbito rural. Porén, a Galiza fica polo momento excluída da estratexia.

Por outra parte, a Comisión Europea anunciou onte o investimento de 3.600 millóns de euros en 41 proxectos que fomentan as tecnoloxías limpas, dous deles na Galiza. Trátase do proxecto de hidróxeno verde Green Meiga liderado por Iberdrola e do proxecto Triskelion de Forestal do Atlántico para a fabricación de metanol verde.

A UE non consegue comprar todo o gas natural que demanda

A oferta de volume de gas non logrou satisfacer a demanda na segunda poxa de compras conxuntas que lanzou a Unión Europea (UE), despois de que os provedores ofrecesen 15.190 millóns de metros cúbicos para unha demanda de case 16.000.

A demanda superou en 4 millóns de metros cúbicos a da primeira licitación, aínda que a oferta quedou moi por baixo dos 18.700 millóns de metros cúbicos que os provedores ofreceron na primeira rolda das licitacións da UE.

25 provedores presentaron as súas ofertas nesta segunda rolda e adxudicouse un volume total de 11.980 millóns de metros cúbicos, unha cifra superior á da primeira licitación, na que se comprometeron 11.600. 

Deste volume, o gas natural licuado representa 5.500 millóns de metros cúbicos, mentres que os 6.400 millóns restantes corresponden ao gas que chega por gasoduto.

Comentarios