A fábrica de biometanol de Maersk na Coruña fica no ar

O investimento aínda non está aprobado.
Pedro Sánchez, no centro, cos directivos de Maersk, en novembro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Pedro Sánchez, no centro, cos directivos de Maersk, en novembro. (Foto: Europa Press)

A posta en funcionamento dunha factoría de biometanol na contorna do porto de Langosteira, na Coruña, foi un dos grandes proxectos anunciados polo Goberno do Estado para Galiza no marco do programa  de axudas Next Generation. A compañía promotora da iniciativa, a multinacional danesa Maersk, revela agora novos prazos para a súa instalación, o que implica un novo atraso nas súas previsións iniciais.

O 2 de novembro do pasado ano, os directivos de Maersk, a primeira navieira do mundo con perto de 1.000 embarcacións, presentaron na compaña do presidente do Executivo estatal, Pedro Sánchez, unha proposta para desenvolver unha ambiciosa iniciativa ligada ao biometanol. O proxecto recollía un investimento de 10.000 millóns, unha parte importante do cal sería financiado a conta dos fondos comunitarios do Next Generation, destinándose a metade do mesmo a unha fábrica na área da Coruña.

A multinacional danesa pretende con esta factoría producir combustíbel para fornecer a súa frota. A fábrica requiría para o funcionamento 4.000 megawatts de electricidade de orixe renovábel, o que obrigaría a duplicar a potencia eólica actualmente instalada na Galiza. Nesa dirección, a compañía anunciou a súa intención de adquirir determinados parques de renovábeis activos e erguer outros até satisfacer as súas necesidades enerxéticas. Precisamente, este ámbito de negocio non é novo para Maersk, xa que esta actividade representa 28% da súa facturación e 68% dos seus beneficios.

O proxecto de Maersk deberá agardar, pois a dirección da sociedade non aprobou aínda o investimento requirido para acometer o proxecto. Tanto a compañía como o Goberno do Estado consideran que pór en marcha unha iniciativa desa natureza require de máis tempo e avanzan novos atrasos.

Os beneficios ambientais, económicos e sociais deste proxecto foron cuestionados desde diversos ámbitos. O catedrático de Bioloxía Ramón Varela sinala a Nós Diario que "estas plantas só crean emprego na fase de obra e construción, sendo moi pouco o que xeran cando están en funcionamento". Ao tempo, apunta que "o biometanol obtense a partir dun proceso químico de electrólise, que ten un alto custo de produción e que necesita grandes cantidades de electricidade e auga".

Comentarios