A Galiza exportou ao longo do ano 2021 o 35% da electricidade producida

A renovábel supera 26% o consumo interno galego
Oito de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración eléctrica. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Oito de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración eléctrica. (Foto: Nós Diario)

Os datos que vén de facer públicos Rede Eléctrica Española (REE) sobre a xeración eléctrica no primeiro semestre deste ano non deixan lugar a dúbidas. A Galiza segue a ser un territorio exportador cunha produción que supera en máis de 8% a do mesmo período do pasado exercicio. Ao tempo, confírmase a tendencia de 2020 sobre a xeración de orixe renovábel, até superar en 26% o consumo interno do país.

A Galiza exportou no primeiro semestre de 2021 o 35% da electricidade producida. Os datos situáronse na liña de pasados exercicios, onde a xeración anual colocouse na orde de 27.000 a 33.000 xigavatio-hora de electricidade e o consumo aproximouse a 20.000. Así, a terceira parte da electricidade producida polas distintas fontes non se utiliza na Galiza, destinándose a outros territorios que consumen o produto final, sen cargar cos custos ambientais e sociais. A Galiza ten exportado no primeiro semestre de 2020 o 31,8% da súa produción, marcando no conxunto de 2019 o 25% e o 35% en 2018.

Madrid é deficitaria en enerxía eléctrica nun 95%

A situación da Galiza contrasta coa de Madrid. Segundo sinala o integrante do colectivo Bidán Quico da Silva, “Madrid é deficitaria en enerxía eléctrica en 95%, mentres 8 de cada 10 concellos galegos teñen algunha instalación de xeración, ben sexa hidráulica, eólica, biomasa, coxeración ou ciclo combinado, ascendendo a cifra a 9 de cada 10 no caso de ir adiante a totalidade dos proxectos actualmente en tramitación”. A este respecto, lembra como “no ano 2004 houbo até sete proxectos de instalación de centrais eléctricas de ciclos combinados que usan gas natural e hoxe non ten ningún pola negativa dos políticos madrileños a non cargar co seu custo social e ambiental”.

Os números de REE referidos a 2021 confirman o peso da electricidade de orixe renovábel no mix enerxético galego. Así, no primeiro semestre de 2021 a xeración só con renovábeis supera en 26% o consumo interno do país, após incrementarse en relación ao ano pasado en 14,6% a produción hidroeléctrica e en 8% a eólica.

Neste sentido, certificouse a liña comezada entre xaneiro e xuño de 2020, cando a electricidade de fontes renovábeis foi superior ao consumo interno galego en 15,4% e avanzouse na dirección denunciada por moitos expertos sobre os custos da transición enerxética. A este respecto, critican que os territorios menos desenvolvidos paguen as consecuencias da loita contra o cambio climático. 

Quico da Silva sinala a Nós Diario que “os datos de Rede Eléctrica Española corroboran o carácter exportador a nivel eléctrico da Galiza e o peso cada día máis importante das enerxías renovábeis”. Nesta dirección, destaca que “os aumentos da produción, que no que vai de ano representa o 8% máis que no pasado exercicio, dependen moito do comportamento da enerxía de orixe hidráulica”. Porén, advirte que “cada vez imos precisar de máis electricidade polos aumentos de consumos de futuro, sobre todo nos transportes pero tamén en usos domésticos e industriais”.

A especialización produtiva da Galiza

A especialización produtiva da Galiza na xeración eléctrica é obxecto de continuado debate no ámbito económico. Neste sentido, o profesor da Facultade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela Adrián Dios considera que “a Galiza ten unha matriz produtivista dentro da organización económica española, cunha posición subordinada, onde estamos encargados de producir electricidade para fornecer a Madrid, malia ser excedentarios”.

“Non deixa de ser curioso que se afonde na especialización produtiva no ámbito enerxético cando o sector industrial ligado ao mesmo está en proceso de desmantelamento”, afirma Dios, quen entende que “tal e como funciona o sistema tarifario español para a Galiza non hai ningunha vantaxe de exportar electricidade”. 

Comentarios