Alemaña e Francia defenden a continuidade do actual sistema marxinalista

O Goberno español quere mudar o modelo de fixación de prezos eléctricos

A crise enerxética segue mandando na axenda política do Estado. Neste contexto, o Estado español defendeu na reunión de ministras e ministros de Enerxía da Unión Europea, que decorreu esta terza feira en Bruxelas, autorización para abandonar o sistema marxinalista.

1,3
photo_camera Central eléctrica en funcionamento. (Foto: Europa Press)

A crise enerxética segue mandando na axenda política do Estado. Mentres os países do centro defenden a continuidade do actual modelo de fixación de prezos da electricidade, os países da periferia demandan medidas urxentes para unha situación chamada a agravarse.

Neste contexto, o Estado español defendeu na reunión de ministras e ministros de Enerxía da Unión Europea, que decorreu esta terza feira en Bruxelas, autorización para abandonar o sistema marxinalista.

O sistema marxinalista é o modelo empregado na Unión Europea para fixar os prezos da luz. A súa orixe sitúase en Chile, durante a ditadura militar de Pinochet, e foi exportado á Unión Europea desde California e Reino Unido, onde xa non está vixente. Segundo o economista da Universidade de Santiago de Compostela Adrián Dios, “ten moitos problemas” e “está pensado para maximizar os beneficios empresariais, non para favorecer a eficiencia do sistema eléctrico, a produtividade nin os intereses dos consumidores”.

O Executivo español defende que “en situacións excepcionais, debe permitirse aos Estados membros adaptar a formación do prezo da electricidade ás súas situacións específicas”. O documento presentado na reunión afirma que “nestas circunstancias extraordinarias, en lugar do sinal de prezo marxinal puro (contaminado polos picos dos prezos do gas), o prezo da electricidade obteríase como un prezo medio con referencia tamén ao custo das tecnoloxías limpas inframarxinais (especialmente as renovábeis)”.

“O prezo da electricidade estaría directamente vinculado aos mix de produción nacionais, protexendo ao mesmo tempo os consumidores de volatilidades excesivas e permitíndolles participar nos beneficios que proporciona un mix de xeración máis barato”, recolle o documento, que pretende rachar co actual mecanismo de fixación de prezos marxinalista, que rexe en toda a UE e no que a enerxía máis cara que entra no sistema marca o prezo de todo o resto de fontes.

A demanda do Goberno español chega após a negativa dun grupo de 11 Estados liderados por Alemaña e Francia a adoptar medidas máis contundentes en relación coa alza da luz. Precisamente, eses países fixeron público un comunicado que rexeita a proposta do equipo da ministra Teresa Ribera argumentando que “non podemos apoiar ningunha medida que entre en conflito co mercado interior do gas e a electricidade, por exemplo, unha reforma 'ad hoc' do mercado grosista da electricidade”.

"As causas da actual subida de prezos débense principalmente á alentadora recuperación económica mundial e a outros factores relacionados coa demanda e oferta de combustíbeis fósiles, pero non ao deseño dos mercados enerxéticos da UE nin á política climática”, consideran os Estados críticos coa proposta do Executivo español, que ven que o actual modelo de fixación de prezos “asegura a adecuación da oferta e a demanda en todo momento, o cal é moi importante desde a perspectiva da seguridade da subministración: evitou o problema, pero temos risco de apagamentos”.

Novas medidas para paliar o encarecemento

A xuntanza do Consello de Ministras e Ministros desta terza feira serviu para que o Goberno estatal aprobara un novo paquete de medidas co obxectivo de paliar a alza do prezo da luz. As propostas, dirixidas aos usuarios domésticos e industriais, recollen un aumento no desconto do bono social eléctrico, polo que as rebaixas aos consumidores vulnerábeis pasan de 25% a 60% e aos consumidores vulnerábeis severos de 40% a 70%.

Ao tempo, a nova normativa obriga as empresas comercializadoras de electricidade e de gas natural a informar cun mes de antelación de calquera modificación no contrato e a remitir á Comisión Nacional do Mercado e da Competencia (CNMC) información "transparente e actualizada" sobre as ofertas dispoñíbeis.

Comentarios