Terra Chá: pouca renda, pero moita enerxía renovábel

OEG advirte do impacto dos eólicos no despoboamento da Terra Chá
Parque eólico en Muras. (Foto: Santi Villamarín)
photo_camera Parque eólico en Muras. (Foto: Santi Villamarín)

A perda de poboación é unha constante naquelas comarcas cunha alta concentración eólica. Neste sentido, son numerosas as investigacións realizadas en diversas partes do Estado que vinculan o despoboamento rural e a caída da calidade de vida á especialización produtiva nesta forma de xeración eléctrica. A este respecto, un traballo pioneiro da profesora do departamento de Análise Económica da Universidade de Zaragoza Rosa Duarte conclúe que “proxectos deste tipo acentúan os procesos de despoboamento” e cuestiona o seu papel na dinamización económica das zonas onde se emprazan, porque “non implica necesariamente un cambio estrutural cualitativo como o que precisan moitas das zonas rurais periféricas e en declive”.

O Observatorio Eólico da Galiza (OEG) vén de entrar no tema cun estudo referido á comarca da Terra Chá. A entidade, dependente da Universidade de Vigo e dirixida polo profesor deste centro Xavier Simón, caracteriza a Terra Chá como de “pouca poboación, pouca renda, pero moita enerxía renovábel”.

Neste sentido, destaca que “estas terras chairegas padeceron nas últimas décadas unha drenaxe de poboación” e lembra que “en termos relativos, os 40.000 habitantes da Terra Chá teñen unha peor calidade de vida da que teñen noutros territorios”.

“A campioa galega” en potencia eólica

OEG lembra que a Terra Chá é “a campioa galega en potencia instalada e en produción de electricidade renovábel a partir do vento”. Así, destaca que “de 1998 a 2020, a potencia eólica instalada na comarca representou unha media de 19,5% da potencia total instalada na Galiza” e “nos últimos 5 anos, a Terra Chá tiña unha media de 20,2% da potencia eólica total instalada”. Ao tempo, documenta que “a potencia instalada por habitante en 1998 xa era na Terra Chá 10,5 veces máis alta que a potencia instalada por cada habitante galego e en 2020 era case 14 veces máis alta”, sendo en “1998 a produción de electricidade por habitante na Terra Chá 3,5 veces superior á produción por habitante na Galiza, mentres que ese índice en 2020 situábase en 13,8 veces”.

O importante desenvolvemento da enerxía eólica na comarca é proporcional á perda da poboación. Segundo OEG, “desde 1998 a comarca da Terra Chá perdeu 10.000 habitantes, a unha taxa media anual de 1%, representado o 20% da poboación inicial. De feito, este ritmo de decrecemento da poboación é superior á media galega: se en 1998 os chairegos e chairegas eran 1,82% da poboación galega, 22 anos despois, en 2020 tan só representaban o 1,47%”. Estes datos non son unha excepción no conxunto galego, presentando unas cifras semellantes outras comarcas moi expostas a esta tecnoloxía de xeración eléctrica.

A conformación da Terra Chá nunha potencia eólica non ten favorecido ao seu progreso económico. Así, OEG indica que “non é das comarcas máis desenvolvidas nin de Lugo nin da Galiza. Son ben comúns os seus problemas de desocupación, envellecemento, carencia de bos servizos públicos. Incluso usando indicadores moi coñecidos por todos e todas, como é Renda Dispoñíbel, é dicir, a renda que realmente fica no peto dos seus moradores, os habitantes da Terra Chá sitúanse lonxe da media galega. Xa sabemos que a media galega está lonxe da media do Estado español. E que a media dos españois está lonxe da media dos europeos”.

Comentarios