Galiza encamíñase cara a unha recesión económica en 2023

As diversas proxeccións publicadas nas últimas semanas avanzan un empeoramento das condicións económicas para o ano vindeiro. Neste liña, a Airef apunta a un escenario recesivo na Galiza en 2023. Asemade, as perspectivas do BBVA colocan o país á cola do crecemento no Estado español.
A caída do consumo interno déixase notar no comercio retallista. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A caída do consumo interno déixase notar no comercio retallista. (Foto: Nós Diario)

As previsións para 2023 apuntan a unha caída na actividade económica en relación a 2022. Malia as diverxencias das proxeccións no referido ao alcance da crise para o vindeiro exercicio, todas elas partillan un escenario económico máis complicado que nesta anualidade. A este respecto, o Instituto Galego de Estatística (IGE) e a Xunta da Galiza prognostican un descenso do Produto Interior Bruto (PIB) a 1,7%. A Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) reduce estas expectativas a 0,6%. Porén, nun traballo publicado onte, a Airef dá por descontado que o Estado español entrará en recesión técnica no primeiro trimestre de 2023.

O servizo de estudos do BBVA presenta tamén unhas proxeccións moi pesimistas para Galiza. Segundo recolle no seu informe do mes de outubro, o PIB non vai medrar na Galiza en 2023, subindo no conxunto estatal en 1,8%. Nesta liña, os economistas do BBVA colocan o país á cola do Estado en crecemento económico, co PIB a 0%, sendo superado polo resto das comunidades autónomas, nunha listaxe que encabeza Balears cun aumento de PIB de 2,3%. Asemade, estas estimacións sitúan Galiza en recesión no primeiro trimestre de 2023, cunha caída do PIB de arredor de 1%.

O economista e colaborador de Nós Diario Marcelino Fernández Mallo sinala que "á vista do funcionamento dos compoñentes do PIB, parece lóxico que se no vindeiro ano hai crecemento, este vaia ser minúsculo". Neste sentido, explica que "o crecemento do PIB está marcado pola demanda interna, o investimento privado e o sector exterior. Parece claro que o sector exterior vai contraerse, como adiantan os datos que chegan de Alemaña, a demanda interna vai caer polo crecemento da inflación e pola diminución das rendas e o investimento privado vai ir para abaixo".

Sector exterior

Mallo destaca que "as proxeccións fanse en base a modelos econométricos e en moitos casos non hai unha análise fonda". Nesta liña, non se atreve a dar unha explicación definitiva respecto do "peor comportamento" da economía galega, tal e como apunta o servizo de estudos do BBVA, mais preocúpalle "o funcionamento do sector exterior da economía galega, moi ligado ao téxtil e ao automóbil, bens de consumo de carácter prescindíbel, polo que as súas vendas están chamadas a caer en toda Europa". Asemade, non descarta "unha caída maior do consumo interno, ao atoparse máis alta a inflación na Galiza que no Estado".    

Demanda interna

A profesora de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela María Cadaval entende que o escenario económico de 2023 está marcado pola "incerteza" e o "arrefriamento económico" e avanza que "se en 2022 xa se notou a caída da demanda interna, para 2023 vaise percibir unha baixada no sector exterior".

A este respecto, lembra que "no segundo trimestre de 2022 a demanda interna só representou 0,1% do PIB galego, significando o sector exterior 4,2%". Nesa dirección, destaca que "a demanda interna vaise seguir repregando e a demanda externa tamén vai caer. Abonda con pensar no peso da industria do automóbil no sector exterior, un produto cuxo consumo vai descender, para darnos conta da baixada do sector exterior en relación con 2022".

Cadaval salienta que "a economía galega e española aínda non recuperaron os niveis anteriores á pandemia, algo que si aconteceu na zona euro, polo que unha vez que se chegue a esas cifras a caída do crecemento vai ser máis forte". Na mesma dirección, non lle sorprende "un peor comportamento da economía galega que da española, algo que xa se observou no segundo trimestre deste ano, cando o PIB galego ficou en 4,4%, lastrado polo consumo interno, e o estatal chegou a 6,8%".

Á economista da Universidade de Santiago de Compostela María do Carme García Negro non lle sorprende un escenario recesivo para o vindeiro ano. Afirma que "se nos guíamos polos prognósticos agoreiros dos servizos de estudo dos grandes bancos, o cariz económico inmediato semella moi escuro. Malia que non hai nada que estea escrito, sería de ilusos pensar que após dous anos de pandemia, onde a produción estivo paralizada, con caídas do PIB de máis de dous díxitos, tería que acontecer case que un milagre para que non se producise ningún desaxuste".

García Negro apunta á responsabilidade nesta crise "da política monetaria do Banco Central Europeo (BCE)", que "non semella a máis axeitada para dar unha resposta á crise dos 27, dadas as súas desigualdades previas".

Os tempos da crise na Galiza

María do Carme García Negro explica que "hai un elemento para a Galiza moi importante", ao presentar "un xeito diferente de sentir a crise". Nesta dirección, indica que o país "é menos sensíbel ao comezo da crise, nótase con certo atraso e tarda en máis en producirse a recuperación".

Comentarios