O Estado español, ás portas dunha nova crise: a AIReF prevé a entrada en "recesión técnica" no primeiro trimestre de 2023

A autoridade fiscal apunta que os salarios mostran un "comportamento contido", o que "reflicte unha perda de capacidade de compra notábel".
O BCE non espera que a crise inflacionista remita nos próximos meses e anuncia que tomará medidas severas para o seu control. (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / dpa)
photo_camera O BCE non espera que a crise inflacionista remita nos próximos meses e anuncia que tomará medidas severas para o seu control. (Foto: Karl-Josef Hildenbrand / dpa)

A presidenta da Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (AIReF), Cristina Herrero, non descarta que o Estado español entre en "recesión técnica", xa que a economía entraría en "terreo negativo" no último trimestre de 2022 e continuaría así tamén durante o primeiro de 2023.

A AIReF advertiu esta terza feira de que, a pesar de que a economía española "resistiu" no primeiro semestre do ano apoiada no dinamismo do turismo e a creación de emprego, os indicadores máis recentes apuntan a un estancamento no terceiro trimestre.

"Neste terceiro trimestre do ano o crecemento do PIB podería situarse arredor de cero ou algo positivo, pero, desde logo, moi, moi próximo ao estancamento", explicou a directora da División de Análise Económica da AIReF, Esther Gordo Mora, durante a presentación do Informe sobre as Liñas Fundamentais de Orzamentos 2023 das Administracións Públicas.

De cara ao cuarto trimestre, Gordo Mora explicou que a primeira estimación da AIReF é que a economía caerá entre 0,2% e 0,3%, se ben recoñeceu que a deterioración do resto de países europeos está a ser "moi intensa", o que pode levar a "avaliar de novo" estas estimacións.

Para o primeiro trimestre de 2023, as taxas serían, nun principio, semellantes ás do cuarto de 2022, malia que todo dependerá do contexto. Neste senso, o enfraquecemento do crecemento global é xeneralizado, segundo a AIReF, e estanse a rexistrar sucesivas revisións á baixa do crecemento agardado para 2023, mentres a inflación se revisa á alza.

No caso da AIReF, a deterioración dos mercados de exportación, os maiores prezos do gas e o aumento dos tipos de interese, xunto coa revisión á baixa no crecemento esperado para a segunda metade de 2022, xustifican a súa revisión á baixa do crecemento do PIB español até 1,5% en 2023.

A respecto da suba de prezos, a autoridade independente advirte de que as tensións inflacionistas fican en valores elevados e esténdense a un amplo conxunto de bens, mentres os salarios fican moderados. Sobre isto, o organismo explica que oue , o que reduce o risco de espirais prezos-salarios, mais reflicte unha perda de capacidade de compra notábel que condiciona as perspectivas de gasto dos fogares.

Por outra parte, a AIReF estima unha inflación de 3,9% e un crecemento do deflactor do PIB de 4,3%. Os efectos base sobre a enerxía e os alimentos resta seis puntos porcentuais ao crecemento do IPC na media de 2023. Con todo, espérase que a inflación subxacente manteña crecementos elevados (4%), apoiada na progresiva translación dos incrementos de custos a outros prezos e nunha aceleración da remuneración dos asalariados.

Cómpre destacar que a AIReF realiza estas previsións baixo o suposto de que se prorroguen as actuais medidas en vigor aprobadas polo Goberno estatal para facer fronte á suba de prezos e o impacto da guerra en Ucraína. Sen medidas, segundo a AIReF, hai un risco á alza de 1 ou 1,5 puntos porcentuais en 2023 en termos de IPC.

Comentarios