Análise

As economías familiares con menos recursos, as máis castigadas

A economista Natividad López Gromaz prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
A fenda entre o incremento do IPC e a suba dos salarios é cada vez maior. (Ilustración: Álex Rozados)
photo_camera A fenda entre o incremento do IPC e a suba dos salarios é cada vez maior. (Ilustración: Álex Rozados)

O IPC (Índice de Prezos ao Consumo) é un indicador económico que se utiliza para medir a variación dos prezos dunha cesta de bens e servizos que se considera que son os máis consumidos por unha familia, nun lugar concreto e durante un período axustado de tempo, como poden ser determinados comestibles, bebidas, calzado, téxtil, carburantes transporte... Os bens e servizos que conforman o cesto ao que se fai o seguimento de prezo non son estables. Foron mudando ao longo dos anos segundo variaba a estrutura das familias, a capacidade adquisitiva ou os hábitos de consumo, entre outros.

Neste momento fáiselle seguimento a 955 artigos, divididos en 12 grupos que á súa vez se dividen en subgrupos. Cada grupo ten unha ponderación distinta no cálculo do Índice, que tamén muda.

O primeiro IPC publicouse en 1961 tomando como ano base 1958 –aínda que desde o ano 1936 xa existían os Índices de Custo da Vida–. Desde aquela ata a actualidade os cambios foron notables. Naquel primeiro momento só existían 5 grupos de artigos. O grupo de alimentación ponderaba un 55,3%, é dicir, máis do 55% dos artigos que se tiñan en conta para o cálculo do índice eran do grupo de alimentación, xa que era ao que dedicaban as familias a meirande parte dos seus gastos. Ata o ano 1976 non mudaron os grupos, pero si a ponderación que cada grupo de artigos tiña no índice, e a alimentación foi perdendo peso.

Desde o ano 1976, os cambios foron máis rápidos e profundos a medida que foi mudando o poder adquisitivo e os hábitos das familias. Foi medrando o número de grupos, ata os 12 da actualidade; aumentando o número de artigos máis consumidos, ata os 955 actuais, e variando a ponderación que cada grupo ten no cálculo do índice. Sirva de exemplo o grupo de alimentación que, de ponderar un 55% no ano 1961, hoxe apenas acada un peso do 22% no cálculo do índice.

Se ben este índice pode ser representativo do gasto dunha familia "tipo", dunha familia "media", non representa unha parte moi elevada das familias que por idade, nivel de ingresos ou mesmo lugar de residencia, na súa estrutura de gasto non se semella á do IPC e, en momentos como o actual, con incrementos moi elevados do prezo dalgúns produtos, estas deficiencias fanse  evidentes.

Cantos menos ingresos percibe unha persoa, maior proporción dos mesmos destina a alimentación e a outros bens de primeira necesidade como a vivenda ou os combustibles, moi lonxe, polo tanto, das ponderacións que o IPC estima. A idade das persoas é outra factor diferenciador da estrutura de gasto.

En Galiza, conflúen os dous factores: una poboación moi envellecida e unha porcentaxe de poboación moi elevada con baixos ingresos.

Segundo os datos que facilita a Axencia Tributaria, preto do 40% das persoas con ingresos por salarios durante o ano 2020 en Galiza non acadaron o Salario Mínimo Interprofesional cos seus ingresos brutos anuais. Concretamente, tiveron uns ingresos inferiores a 10.131 euros brutos anuais.

Por outra parte, a pensión media dos 768.000 pensionistas existentes en Galiza en setembro deste ano foi de 955,32 euros mensuais. Quere isto dicir que un número moi importante dos e das pensionistas contaron con ingresos inferiores a esta cantidade.

Sexan pensionistas, sexan persoas traballadoras de baixos ingresos, os efectos do incremento dos prezos que se está producindo neste momento sobre a súa capacidade adquisitiva ten unha repercusión moito maior do que marca o IPC xeral.

Aínda que, en xeral, a inflación aumentou en agosto a respecto do agosto de 2021 un 11% en Galiza –10,5% no estado español–, nos grupos de produtos aos que destinan maior porcentaxe de gasto as familias de menores ingresos, como alimentación, electricidade ou gas, o incremento dos prezos foi moi superior, polo que a repercusión na súa capacidade de compra é moito maior que a que amosa o índice xeral.

A isto temos que engadir a cada vez maior fenda entre os incremento do IPC e a suba dos salarios, polo que o efecto se multiplica.

Comentarios