Fruga e Sindicato Labrego consideran "inxusta" a PAC aprobada pola UE

O acordo para a reforma da Política Agraria Común (PAC), selado a pasada sexta feira e referendado esta segunda 28 de xuño en Luxemburgo, levantou moitas críticas na Galiza. Fruga e Sindicato Labrego Galego consideran que é unha continuidade do anterior. Para UUAA é positivo e dependerá da negociación que se faga despois a nivel estatal. 
Explotación agraria galega (Nós Diario).
photo_camera Explotación agraria galega (Nós Diario).

A reforma da Política Agraria Común (PAC), que conta cun acordo selado esta pasada sexta feira, foi ratificada este 28 de xuño polas ministras e ministros en Luxemburgo. En opinión do responsábel español de Agricultura, Pesca e Alimentación, Luis Planas, este é "un bo acordo" que recolle "equilibrio" adecuado entre a rendibilidade das explotacións e a "ambición ambiental" que xustifica "perfectamente" o apoio da delegación española.

Acordo "inxusto" para Fruga e SLG

Non opinan o mesmo algunhas organizacións agrarias galegas.  Manuel da Cal, da Federación Rural Galega (Fruga), considera que esta PAC segue a liña das anteriores. "É inxusta, pois un 80% das axudas van para un 20% dos destinatarios", explica a Nós Diario, "polo que un 20% restante ten que redistribuírse entre o 80% restante", engade. Por este motivo cre que "non é útil para defender o sector" ademais de non garantir "compensar as baixadas dos prezos agrarios" que para esta organización "deberían vir a través dunhas axudas que se demostraron incapaces de solucionar a situación". 

Salienta Da Cal que "aínda que son uns acordos provisionais" seguen sen definir "quen é a agricultora ou o agricultor a título principal que debería beneficiarse desas axudas" e segue permitindo que "as cobren persoas que non se dedican profesionalmente á actividade agraria". Outro punto negativo para a Fruga é que continúa sen marcar "topes máximos de axudas que se poden cobrar” e poñen como exemplo que a propia Xunta recoñecía que na Galiza só había 14 explotacións das 23.000 existentes que cobran máis de 60.000 euros.   

Desde o Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez coincide en sinalar que "non mudaron nada substancial". Entre os cambios que afectarían a Galiza indica como exemplos os pagos redistributivos "que agora serán obrigatorios e antes eran voluntarios" e que as e os beneficiarios das axudas terán que respectar a lexislación laboral europea. Sobre outros temas, apunta que "hai poucos cambios, como é o caso dos ecoesquemas e as axudas á mocidade que quedan nun 3%". Para Rodríguez, “cada vez imos a peor e segue a ser unha PAC inxusta" pensada "para as grandes empresas". As mudanzas que se realizaron, para o SLG, "farán que cambie moito a forma e semelle máis verde, pero en todo caso o fondo seguirá a ser o mesmo". 

Ambas as organizacións quéixanse da pouca dispoñibilidade das Administracións á hora de facelas partícipes das estratexias relacionadas co futuro do campo galego. "Na última reunión á que asistimos co conselleiro dixo que non tiña necesidade de consultar con nós, que non era obrigatorio", relata Da Cal, "diante da miña recriminación sobre esta postura rematou dicindo que tiñan a maioría absoluta", conclúe. Para o SLG "a nosa participación limítase a dar a nosa opinión e nada máis, nunca obtemos resposta".   

Unha PAC "positiva" para Unións Agrarias

Javier Iglesias (UUAA) cre que "o gran debate agora producirase a nivel estatal". A decisión que se tomou onte foi, para esta organización, "falar de matices e porcentaxes". Recoñece que "crea moitas incertezas" e "prexudicará a moitas persoas a nivel individual mais a maior parte sairá beneficiada". Por este motivo considera como "positivo" que "polo menos un 10% do orzamento estea destinado a un pago redistributivo" e que no apartado de medidas medioambientais, un 25% "deixase unha marxe de xustificación durante os dous primeiros dun 5%". 

En relación ao debate a partir de agora, Iglesias asegura que se tratará a nova distribución de rexións agronómicas e a quen irá esa porcentaxe de orzamento do pago redistributivo "como é o noso caso, por contar con explotacións pequenas". Por último cre que ese 25% de ecoesquemas "debería de contar coa realidade galega".

Comentarios