O acordo da PAC deixa fóra os problemas de fondo

Os 27 estados membros da Unión Europea logran un acordo sobre a futura PAC no que piden destinar 20% dos pagos directos aos  ecoesquemas. As primeiras impresións das organizacións agrarias galegas son de excepticismo e desconfianza por non tratar as mudanzas que precisaría na Galiza o sector agrícola e gandeiro. 
Explotación gandeira da Cooperativa "A Carqueixa" nos Ancares (Deputación de Lugo)
photo_camera Explotación gandeira da Cooperativa "A Carqueixa" nos Ancares (Deputación de Lugo)

Tras 42 horas de negociacións e de madrugada, as e os responsábeis de Agricultura da Unión Europea (UE) chegaron a un acordo sobre as regras da Política Agrícola Común (PAC) que entrará en vigor en 2023. O  texto baséase no último documento proposto por Alemaña, como presidencia de quenda da UE ao conseguir unha maioría cualificada.

O punto máis rechamante que transcendeu deste compromiso que se debaterá nas vindeiras semanas no Parlamento Europeo foi a dedicación dun mínimo de 20% dos pagos directos do primeiro pilar aos chamados ecoesquemas, unhas axudas ligadas ao compromiso medioambiental por parte das explotacións agrarias. Ademais, pactouse destinar 2% dos pagos directos a investimentos da agricultura xestionada pola mocidade, prolongar o sistema de dereitos de plantación de viñedo até 2040 e reformar o réxime de pequenos agricultores, que se encadrarán no réxime xeral destas axudas europeas. 

O ministro de Agricultura, Luis Planas, valorou o texto asegurando que corresponde "exactamente" co que o Estado español pedía. 

Primeiras impresións das organizacións agrarias

"Preocúpanos que o ministro diga que os obxectivos están cumpridos e mencione o oliveiral e a gandaría extensiva de ovino e caprino cando corre perigo a nosa agricultura de pequenas superficies", sinalaba a Nós Diario Isabel Vilalba do Sindicato Labrego Galego (SLG). En opinión desta organización, o acordo é "continuísta" ademais dunha "oportunidade perdida" que certifica unha "renacionalización da PAC", na que collen protagonismo os estados membros e iso fará que "haxa algúns que aposten por un sector e deixen outros á súa sorte" polo que "o Ministerio terá a responsabilidade case total". 

Desde Unións Agrarias (UUAA), Roberto García cre que "imos tarde en todo" por estar a negociar unha PAC "que entrará no ano 2023". Aínda que ve "positivo despexar o camiño", explica a Nós Diario que hai demasiadas incógnitas de cara a 2021 e 2022. Valora que cando estaba en xogo a desaparición das concesións administrativas dos dereitos de viñedo "por fin se manteñen até 2040".

 Para a Federación Rural Galega (Fruga) este acordo é "máis do mesmo". O seu coordinador, Manuel Dacal, asegura que "as críticas que viñemos facendo á PAC seguen tendo sentido". Pensa que "o tema chave é orzamentario e polo de agora non se sabe como será". Desconfía dunha rebaixa dos orzamentos europeos destinados á política agraria común "ao redor de 15% en total, algo moi importante por implicar unha rebaixa das axudas". 

Redistribuír os fondos

As tres organizacións botan en falta cambios profundos na redistribución dos fondos europeos para non prexudicar o sector na Galiza. "Ao final os grupos de presión operaron con claridade para que sexan os estados os que decidan", sinala Vilalba, "e así seguirán dándose casos de que haxa quen perciba mesmo un millón de euros públicos". 

Desde UUAA, García quere "que se deixe de falar de reparto por autonomías" cando "o debate que está enriba da mesa é que tipo de agricultura vive da súa explotación"  para que "non cobren aqueles que non son agricultores nunha porcentaxe importante da renda de 30%". 

Dacal afirma a Nós Diario que "non se falou do incoherente que é esta PAC que favorece que os que máis reciben son os que menos actividade agraria teñen cando hai sectores agrarios na Galiza que non reciben nada, como pode ser as que se dedican á horticultura ou á viticultura". Sentenza que "ou se reforma  ou é máis do mesmo".

Comentarios