Acusan a Xunta de custear coa PAC accións alleas ao agro

O conselleiro de Medio Rural reclamou ao Goberno español un trato "equitativo" e primar as pequenas explotacións na nova Política Agraria Común (PAC) que se está a negociar. Tamén apelou ao consenso coa oposición, mais esta reprochoulle o "mal uso" dos fondos da PAC mesmo para fins alleos ao agro. 
José González, titular de Medio Rural da Xunta (Foto: Arxina)
photo_camera José González, titular de Medio Rural da Xunta, compareceu no Parlamento sobre a nova PAC (Foto: Arxina)

O Goberno galego "só pode presumir de ser pioneiro en destinar fondos da Política Agraria Común (PAC) a actuacións que teñen que financiarse con fondos Feder ou cos orzamentos autonómicos”.

Así de rotundo expresouse no Parlamento galego esta terza feira, 25 de maio, o deputado socialista Martín Seco, após a comparecencia do Conselleiro de Medio Rural, José González, sobre a nova PAC. O socialista acusou a Xunta de “retirar fondos dos gandeiros e labregos para financiar banda larga de polígonos industriais, parques infantís en concellos sen superficie agrícola ou rehabilitación de edificios públicos”. Ademais, criticou que e “o principal beneficiario da PAC na Galiza sexa unha empresa transnacional con sede en Madrid”. 

Previamente, o conselleiro apelara ao consenso político en relación coas negociacións para a aplicación da futura PAC até 2027, nas que, asegurou, a Xunta está a defender un modelo de axudas directas que dea prioridade ás pequenas e medianas explotacións profesionais e que atenda a realidade do norte do Estado.

Sobre a limitación das axudas por explotación, o conselleiro insistiu en demandar que se manteña a contía de 60.000 euros como tope anual por explotación.

González tamén solicitou "transparencia" ao Goberno de Estado, pedindo ao Ministerio que difunda o mapa completo das rexións que se propoñen na aplicación da futura PAC a nivel estatal e que informe das cifras relativas a número de agricultores xenuínos de cada rexión PAC, as hectáreas potenciais sen dereitos ou a dimensión media das explotacións a efecto de pago redistributivo. 

O chamamento ao consenso foi afeado pola oposición, cando "só quedan 15 días para o feche das negociacións e para fixar postura ante a PAC".

Ademais, Carmen Aira (BNG) acusou a Xunta de apostar por políticas  eucaliptizadoras e urxiuna a "comprometerse a defender o rural no seu conxunto, non só coa PAC".

Comentarios