martes 03/08/21

As explotacións agrarias galegas viven un momento "catastrófico" polo aumento do prezo da luz

Os sectores que traballan con animais son os máis afectados polo incremento das tarifas eléctricas e as empresas fican en serio risco. As organizacións agrarias demandan bonificacións con urxencia diante desta situación.
Explotación gandeira ao carón de muíños eólicos (Nós Diario).
Explotación gandeira ao carón de muíños eólicos. (Foto: Nós Diario).

O incremento do prezo da luz está a causar graves prexuízos en moitos sectores produtivos galegos. Algúns, como o avícola, o porcino e o vacún, comezan a ver reducidos os seus ingresos e, nalgúns casos, mesmo a ter perdas. A entrada o pasado día 1 de xuño da nova factura eléctrica empeorou esta situación pola imposibilidade das explotacións de adaptarse aos horarios de máis baixo custo ao traballaren con sistemas que funcionan todo o día ou en horarios diúrnos. 

Elías Somoza, da Federación Rural Galega (Fruga), apunta que os danos serían para todo o sector primario. "Quen peor o ten son os que traballan coa produción integrada por pór a enerxía e as naves para logo cobrar por cada animal que sacan", explica a Nós Diario, "é o caso do avícola e o porcino", engade."

Loli García, de UUAA, sinala que o momento actual  é "catastrófico", aínda que a situación destas granxas é malo "desde que comezou a pandemia da Covid-19 con perdas pola falta de consumo". As grandes explotacións teñen menos aves de crianza e as comercializadoras "amplían os tempos de agarda" polo que fan menos animais ao ano "cando os gastos de produción, entre os que está o propano e a luz, non baixan e todo o contrario, increméntase".

García apunta que nos últimos anos aumentaron as granxas novas que contan co que se denomina "ventilación forzada" que depende de maneira exclusiva da electricidade. "Non se poden programar como un electrodoméstico, acende cando os parámetros indican que debe facelo, como por exemplo cando hai moita calor como acontece agora", explica esta sindicalista agraria a Nós Diario, "dubido que poidan afrontar estes gastos", sentencia. 

O sector leiteiro afectado

As circunstancias non son mellores nas explotacións leiteiras. "Algunhas contan con recollidas todos os días e debería funcionar menos o tanque do leite mais a maioría é día si e día non", relata Somoza, “polo que se mantén máis horas gastando máis enerxía", engade o coordinador dos sectores gandeiros da Fruga. 

Manuel Villaverde, do Sindicato Labrego Galego (SLG), confirma que a maior parte das granxas de leite teñen actualizado o sistema "e nas muxiduras é imposíbel que non coincida unha tarifa alta". Coas subas actuais recoñece que lles aumentará moito a facturación "e a franxa baixa non compensará por ser máis alta que a que había". Ademais coincídelles este incremento dos prezos "coa época do ano que máis consumo temos, desde agora até setembro".

Demanda de bonificacións

"As explotacións agrarias galegas non temos o volume de negocio, nin de beneficios, nin de privilexios que as empresas do Ibex 35", compara Somoza, "cando temos uns 27.000 cotizantes á seguridade social agraria e temos igual dereito a contar con algúns beneficios na enerxía", engade. Por este motivo é partidario de bonificacións que "rebaixen" a actual factura da luz das granxas.

"O lóxico sería que o sector primario, en xeral, tivese unha tarifa específica", opina Villaverde, "por ser quen vertebra o rural e se non se coida remataremos por ter un rural baleiro", engade.

A enerxía producida nos parques eólicos non reduce a factura

Manuel Villaverde explica que no municipio de Forcarei hai varios proxectos de parques eólicos. "Non nos repercutirá economicamente polos cambios lexislativos e por traballar a partir dunha expropiación" e, a maiores, "a empresa que xestione os eólicos non ten nada que ver coas compañías que nos venden a enerxía". Pola contra, asegura que introducirá graves problemas en terras que "son de aproveitamento agrícola".

comentarios