A presidenta do BCE advirte que seguirán subindo os tipos de xuro

A Asociación de Consumidores e Usuarios de Bancos, Caixas, Produtos Financeiros e de Seguros (Adicae) pide unha moratoria sobre as hipotecas.
Christine Lagarde, presidenta do BCE (Foto: Boris Roessler / DPA)
photo_camera Christine Lagarde, presidenta do BCE (Foto: Boris Roessler / DPA)

O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) seguirá elevando os tipos de xuro nas súas próximas reunións ante a perspectiva de que a inflación se manteña por encima do obxectivo durante un período prolongado e a pesar da significativa desaceleración da actividade esperada na zona euro no que resta de ano 2022 e durante 2023.

"Continuaremos na nosa senda de normalización da política monetaria", afirmou esta sexta feira Christine Lagarde, presidenta do BCE, na reunión do Comité Monetario e Financeiro Internacional, o principal comité asesor do Fondo Monetario Internacional (FMI), liderado pola vicepresidenta primeira e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital do Estado español, Nadia Calviño.

"O Consello de Goberno do BCE espera aumentar aínda máis os xuros nas próximas reunións", indicou Lagarde, que aduciu que a inflación na zona euro é demasiado alta e que é probábel que se manteña por encima do obxectivo do BCE durante un período prolongado.

"A medida que as fontes actuais de inflación se desvanezan co tempo e continuemos no camiño da normalización da política monetaria, esperamos que a inflación diminúa nos próximos anos, mais que se manteña por riba da meta en 2023 e 2024", sinalou. 

Así mesmo, a presidenta do BCE recoñeceu que a perspectiva de crecemento para a zona euro escureceuse debido á alta inflación, a diminución dos efectos da reapertura (tras a Covid), o enfraquecemento da demanda mundial e a caída da confianza.

Pola súa parte, o vicepresidente do BCE, Luis de Guindos, insistiu outra vez en que os salarios no conxunto da eurozona non deben axustarse á inflación para así evitar unha espiral inflacionista de prezos e soldos.

"É moi importante evitar os efectos de segunda rolda e evitar que a inflación se traslade aos salarios, o que empuxaría aínda máis á alza a inflación. Para evitar isto, as expectativas de inflación teñen que permanecer ancoradas", indicou o representante do BCE.

Soben 15% na Galiza as execucións hipotecarias

No contexto dos anuncios de suba dos tipos de xuro do BCE, que de seguro incrementarán o custo das hipotecas, a Asociación de Consumidores e Usuarios de Bancos, Caixas, Produtos Financeiros e de Seguros (Adicae) advertiu esta sexta feira de que o número de execucións hipotecarias aumentou na Galiza 15%.

Nun comunicado, a asociación de persoas consumidoras pediu unha moratoria sobre as hipotecas "auténtica e efectiva" con motivo da suba dos tipos de xuro que afecta o prezo dos préstamos.

Comentarios