O FMI pide progresividade fiscal para conter a inflación

A institución internacional solicita máis axuda ás rendas baixas.
O portugués Vitor Gaspar é o Director de Asuntos Fiscais do FMI (Foto: FMI).
photo_camera O portugués Vitor Gaspar é o Director de Asuntos Fiscais do FMI.

O aumento da progresividade fiscal por parte dos gobernos pode axudar aos bancos centrais na súa loita contra a inflación e, por tanto, limitar así a necesidade de subir os tipos de xuro, á vez que se protexe mellor aos colectivos máis vulnerábeis, segundo o Fondo Monetario Internacional (FMI).

"Cando os bancos centrais actúan sós, sen o apoio da política fiscal, necesitan aumentar substancialmente as tipos de xuro para combater a inflación", sinalou esta segunda feira o director do Departamento de Asuntos Fiscais do FMI, Vitor Gaspar, que apuntou que o axuste fiscal "permite aumentar menos os tipos de xuro para conter a inflación".

A institución sostivo que, aínda que a política monetaria "está no asento do condutor na batalla contra a inflación", a política fiscal pode axudar co deseño dun axuste ben dirixido a apoiar aos bancos centrais na finanprocura da estabilidade de prezos, mentres se protexe ás persoas vulnerábeis da crise pola suba do custo de vida.

As finanzas públicas importan para a inflación a través do seu impacto na demanda agregada e tamén contribúen ao obxectivo de estabilidade de prezos se se aliñan coa política monetaria, achegando credibilidade ao marco macroeconómico xeral.

Aumentar as contías das transferencias aos pobres

"Por tanto, ao controlar o gasto, os gobernos poden axudar á política monetaria a frear a inflación a custos máis baixos para a economía en xeral", sinalou a organización internacional. 

Neste sentido, o fondo monetario considerou que un axuste fiscal dirixido, que implica decisións políticas "difíciles" sobre que partidas orzamentarias recortar e cales protexer ou ampliar, pode reducir a inflación a un menor custo para o consumo agregado e a desigualdade de ingresos, á vez que protexe ás familias de baixos ingresos.

Non obstante, Gaspar e o seu equipo advertiron de que, para salvagardar ás persoas máis pobres, que se benefician máis dos servizos públicos, "os aumentos de impostos ou os recortes en gastos de menor prioridade deben combinarse con transferencias máis grandes". 

"Esta estratexia dá como resultado, por deseño, que non diminúa o consumo dos pobres, así como tamén unha menor diminución do consumo xeral", sinalou o representante do FMI.

Comentarios